O Goberno galego destinará máis de 41 M€ na implantación da gratuidade para o 100 % do alumnado nas escolas infantís de iniciativa social e privadas

Rueda aclara que a partida para escolas infantís públicas será obxecto doutro acordo do Consello da Xunta e salienta que a gratuidade na atención educativa de 0 a 3 anos beneficia na actualidade a máis de 31.000 familias galegas

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe da aprobación no Consello da Xunta dun investimento de máis de 41 millóns de euros para que as escolas infantís de iniciativa social e as privadas apliquen a gratuidade na atención educativa de 0 a 3 anos para o 100 % do alumnado a partir do vindeiro mes de setembro.

O mandatario galego precisou que esta partida só afecta a estes dous modelos, privado e de iniciativa social, xa que a partida para as escolas infantís públicas será obxecto doutro acordo diferente por parte do Consello da Xunta. Precisamente, o celebrado hoxe aprobou unha convocatoria conxunta con crédito ampliable e con dúas liñas: unha para os centros de iniciativa social, dotada con 11,9 millóns de euros, e outra para as privadas, con 29,5 millóns de euros.
 
Rueda puxo en valor que Galicia foi a primeira e única comunidade na que a educación infantil é totalmente gratuíta para todos os nenos e nenas que van á escola, un dato que puxo en relación co feito de que a comunidade conta coa taxa de escolarización nesta etapa educativa de 0 a 3 anos das máis altas de España, cunha porcentaxe de 50,5 %, “fronte ao  case 42 % da medida nacional”, comparou. Tamén salientou que na actualidade son máis de 31.000 as familias galegas que levan ao seu fillo a unha escola infantil e que se están a beneficiar da gratuidade destes centros.
 
A orde que rexerá este procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos vindeiros días, contará con facilidades para a planificación das escolas e financiará a medida un máximo de once meses por curso. 

Anticipos

Ademais, nesta convocatoria contarase con tres anticipos da axuda, que lles permitirán aos centros ter liquidez. O primeiro anticipo realizarase antes de que comece o curso e será do 100 % da axuda correspondente ao período de setembro a decembro deste ano. 

Os outros dous anticipos faranse o vindeiro ano. Un 45 % da axuda de 2024 realizarase a comezos do exercicio, para o período de xaneiro a marzo; e un segundo anticipo será doutro 45 % en abril e corresponderá aos meses de abril a xullo. Ao final do curso entregarase o 10 % restante do importe de 2024 xa tendo en conta o número real de nenos matriculados e co fin de regular calquera desaxuste.

A gratuidade nas escolas infantís, da cal se benefician máis de 31.000 familias, deseñouse de xeito que as nais e pais non teñan que realizar ningún tipo de papelame a maiores, xa que todas as xestións se realizan entre a Xunta e o propio centro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2023