A investigación fronte á covid impulsada desde Lugo permite avanzar no desenvolvemento de sistemas de detección e de fármacos a partir de produtos naturais

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, participaron esta mañá na presentación de dous proxectos apoiados pola Administración autonómica a través do programa Conecta Covid

Ambos proxectos, nos que participan o grupo AMSlab e a Universidade de Santiago de Compostela, entre outras entidades, foron financiados con fondos Feder

Nanofluidetec desenvolveu un dispositivo automatizado para a diagnose rápida da covid-19 combinando nanotecnoloxía, PCR e microfluídica

Digital Biocov acometeu un sistema de detección temperá de actividade anticovid a partir de biomoléculas presentes en fungos e microalgas empregando técnicas de intelixencia artificial

Lugo, 11 de maio de 2023 A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, participaron esta mañá no acto de presentación de resultados de dous proxectos de I+D relacionados coa covid-19 e apoiados pola Xunta de Galicia a través do programa Conecta Covid. Os dous proxectos contan coa participación do grupo AMSlab e da Universidade de Santiago de Compostela, así como doutras empresas galegas.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou na súa intervención a contribución da investigación desenvolta polo ecosistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación para seguir avanzando no coñecemento do virus e mesmo no desenvolvemento de sistemas de detección e desenvolvemento de fármacos, que poden ser de utilidade para outras doenzas.

Conecta Covid, con financiamento de fondos Feder do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe REACT-UE, como parte da resposta da UE á pandemia de covid-19, foi unha das liñas de apoio articuladas pola Xunta de Galicia no ano 2021 para facer fronte á pandemia por covid-19 a través do apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado e que permitisen mellorar a competitividade das empresas galegas, ao mesmo tempo que impulsaban a transición dixital do tecido empresarial galego, especialmente das pemes.

O proxecto Nanofluidetec, desenvolto por un consorcio formado por catro empresas galegas (AMSlab e AMSbiopharma -ambas do grupo AMSlab-, Bflow e o Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela) consisteu no desenvolvemento dun dispositivo automatizado para a diagnose rápida da covid-19 combinando nanotecnoloxía, PCR e microfluídica.

Pola súa banda, Digital Biocov, no que participaron as empresas Hifas da Terra, Plexus Technology, AMSbiopharma e Cifga, así como a Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu un sistema de detección temperá de actividade anticovid a partir de biomoléculas presentes en fungos e microalgas empregando técnicas de intelixencia artificial. Deste xeito, sentáronse as bases para un desenvolvemento acelerado para o descubrimento de novos fármacos anti-covid19 que ademais sería extrapolable a outras enfermidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2023