Lete reivindica o papel protagonista da vela galega e augura máis éxitos olímpicos grazas ao grande nivel dos máis novos

O secretario xeral para o Deporte presentou a Copa de España de 420 que terá lugar en Vilagarcía de Arousa e que é unha das clases estratéxicas máis importantes da vela internacional

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 10 de maio de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación da Copa de España da clase 420 de vela que terá lugar no Centro Galego de Vela do 13 ao 16 de maio. O mandatario galego destacou a importancia desta modalidade, catalogada como unha das clases estratéxicas da vela a nivel internacional, xa que é a antesala da vela olímpica de barcos dobres onde Galicia onta con grandes campións como Nico Rodríguez nos 470 ou Iago López Marra, Támara Echegoyen ou Patricia Suárez nos 49ers. 

Lete Lasa subliñou os éxitos máis recentes da clase 420 galega, destacando os nomes de Martin Wizner e Pedro Ameneiro que en 2018 proclamáronse campións de Europa Júnior e en 2019 foron campións do mundo absolutos en Portugal. Do mesmo xeito, lembrou polo seu éxito, tanto organizativo como deportivo, o Campionato de Europa Júnior das clases 420 y 470 celebrado tamén en Vilagarcía de Arousa en xullo de 2019 coa participación de 400 regatistas dunha vintena de países.

O secretario xeral para o Deporte destacou a importancia dunha Copa de España na que participarán 60 barcos dobres (120 participantes) dos que ao redor unha ducia serán galegos, o que significa unha participación duns 24 regatistas galegos. Entre eles Lete Lasa destacou a Natalia Domínguez e Inés Ameneiro que xa foron campioas de España sub-17 en Gran Canaria e que aspiran a posicionarse no máis alto do ranking nacional.

O responsable da Secretaría Xeral para o Deporte destacou que todos estes deportistas teñen calidade máis que suficiente para seguir os pasos dos once regatistas galegos e galegas que, ata o momento, chegaron a competir nuns Xogos Olímpicos, polo que augurou novos éxitos de gran calado internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2023