Sanidade e a Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue colaboran no fomento da hemodoazón en Galicia
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Manuel Fonseca Gómez, renovaron o seu convenio anual
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Manuel Fonseca Gómez, asinaron esta mañá, no edificio administrativo da Consellería de Sanidade, un novo convenio de colaboración para o desenvolvemento, por parte desta institución, da promoción da hemodoazón con todos os medios ao seu alcance, en coordinación co Sergas. No acto de sinatura estiveron presentes, ademais, o director Xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, e a directora de ADOS, Marisa López García.
O Servizo Galego de Saúde achegará 58.200 euros para o cumprimento deste convenio de colaboración, que ten por obxecto fomentar a doazón altruísta de sangue en Galicia. O antedito acordo estará vixente ata o 31 de decembro do presente ano.
A Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue agrupa a distintas asociacións que teñen como fin a promoción da hemodoazón en Galicia baixo a coordinación da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), para tentar incentivar a participación da cidadanía nas campañas de doazón, así como promover una conciencia social favorable a este solidario xesto. Con ese obxectivo, participan en campañas de radio e televisión, reparten materiais informativos, percorren concellos contactando directamente coa xente, promoven charlas e atenden todos os requirimentos dos doadores nas súas oficinas, persoal e telefonicamente.
Cómpre sinalar que, no pasado ano en Galicia, realizáronse 106.339 doazóns de sangue, cifra que permitiu ofrecer unha resposta satisfactoria ás necesidades hemoterápicas dos hospitais galegos.