A Xunta publica as normas que rexerán a execución do programa Leader no período 2023-2027
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, onde se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución do Programa Leader
Os 24 grupos de desenvolvemento rural que xa foron preseleccionados continúan coa preparación das súas estratexias e para iso contan con 35.000 euros cada un, o triplo que no ano 2016
As axudas para os proxectos subvencionables poderán alcanzar os 200.000 euros, nunha porcentaxe máxima do 50 % do investimento no caso dos proxectos produtivos e do 90 % nos non produtivos
O “Bono Activa Rural” supón unha das principais novidades para fomentar o emprego no rural a través dunha axuda a tanto alzado de ata 18.000 euros, coa obriga de manter a actividade durante polo menos cinco anos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -dependente da Consellería do Medio Rural- pola que se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución do Programa Leader para o período 2023-2027, así como as regras para a elaboración das estratexias e os criterios de puntuación referidos aos territorios correspondentes ás estratexias de desenvolvemento local que sexan seleccionadas.
Tipos de proxectos subvencionables
Na resolución indícase que os proxectos que sexan subvencionados deben estar localizados no ámbito territorial do GDR, ser viables técnica e financeiramente (se son de natureza produtiva tamén deben ser viables economicamente), cumprir coa normativa sectorial aplicable, non estar iniciados no momento da presentación da solicitude de subvención, e ter encadramento na estratexia de desenvolvemento que aprobará cada GDR.
Os proxectos non produtivos son aqueles que teñan un interese público ou colectivo e non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa (dirixidos a entidades públicas e entidades privadas sen ánimo de lucro). A intensidade da axuda situarase entre un mínimo do 30 % e un máximo do 90 % do investimento total subvencionable, podéndose establecer diferentes categorías de prioridade. O importe de axuda estará tamén limitado a un máximo de 200.000 euros.
A presente resolución incorpora unha nova forma de fomentar o emprego no rural que ata o de agora non se contemplaba nos programas Leader anteriores. Deste xeito, os grupos poderán recoller nas súas respectivas estratexias a posibilidade de conceder unha axuda de ata 18.000 euros en dúas anualidades, coa obriga de manter a actividade durante polo menos cinco anos, a contar dende a data da alta censual.
Así, o Bono Activa Rural configúrase como unha subvención que se basea nun importe de axuda a tanto alzado destinado á creación e posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais. A axuda non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se vincula ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante un determinado período de tempo. Este plan empresarial deberá demostrar a viabilidade económica e técnica da empresa, apoiándose para iso nas condicións de mercado. Os proxectos que se beneficien desta modalidade de axuda concorrerán cos demais proxectos de natureza produtiva que se presenten ao abeiro das diferentes convocatorias.