Rueda considera urxente “desatascar” a chegada dos fondos europeos a Galicia para impulsar e renovar o tecido produtivo galego

Insiste en que o Goberno central debe darlle pulo ao Corredor Atlántico Noroeste para garantir a competitividade das empresas da comunidade
 

Salienta a seguridade xurídica e estabilidade que ofrece Galicia para empresas e industrias con ferramentas como a futura Lei do Litoral, que asegura que garante a protección de actividade económica co respecto ao medio ambiente
 

Vigo, 9 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou hoxe urxente “desatascar” os fondos europeos Next Generation para que Galicia teña a oportunidade deimpulsar e renovar o tecido produtivo da comunidade. Así o defendeu nun encontro en Vigo coa Confederación de Empresarios de Pontevedra.

Na súa intervención, Rueda lamentou que, mentres noutros países europeos están acelerando a distribución destes fondos, o Goberno de España continúa “sen movelos”, cando incidiu en que son necesarios para proxectos transformadores que se presentaron desde Galicia, en referencia ao de Stellantis para a fábrica de Vigo; o de Altri, en Palas de Rei; a planta de biofertilizantes en Meirama (Cerceda); ou o data center.
 
O presidente da Xunta alertou das “incertezas” que ao tecido produtivo galego lle provoca esta situación, ao igual que a falta de información por parte do Goberno central fondos Next Generation; ou o descoñecemento de como se vai desenvolver a nova planificación eléctrica para atender as necesidades dos novos proxectos dos que se está pendente en Galicia.
 
Por estes motivos e aínda que advertiu que “van vir tarde”insistiu na necesidade de concreción do Goberno central das partidas dos fondos Next Generation para a Comunidade, ao igual que nos proxectos aos que irán dirixidos e remarcou en que esta resolución e axilidade dos fondos europeos debe de ser dun xeito “satisfactorio” para Galicia. 

Impulso ao Corredor Atlántico do Noroeste

Rueda tamén reprobou o desleixo do Goberno central co impulso ao Corredor Atlántico do Noroeste e que considerou imprescindible para Galicia e a súa competitividade. Por iso, volveu insistir na urxencia dunha reunión co Comisionado e que se eleven a 8.000 millóns de euros os investimentos para esta infraestrutura, xa que insistiu en que os 1.130 millóns de euros anunciados “non son suficientes” para levar a cabo as actuacións necesarias.

Ao final da súa intervención, o presidente da Xunta considerou vital para o crecemento económico a seguridade xurídica e estabilidade que, segundo aseverou, se dan en Galicia. Nesta liña, puxo en valor a protección da actividade económica compatible co respecto ao medio ambiente que suporá a futura Lei do litoral, que cualificou de “moi boa” para a comunidade, xa que garantiu que dá seguridade xurídica a centos de instalacións presentes nas costas galegas e que, segundo alertou, estaban “ameazadas” pola lei estatal.
 
Rueda enmarcou estas actuacións da Xunta dentro do deber de todas as administracións de facilitarlles a empresas e industrias a posta en marcha, consolidación ou crecemento das súas iniciativas para xerar emprego e riqueza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023