O delegado territorial da Xunta participa na presentación da III BTT do Roteiro do Viño de Valdeorras

Ourense, 09 de maio de 2023 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do presidente do Roteiro do Viño, Joaquín Sánchez e o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández; participou na presentación da III BTT do Roteiro do Viño de Valdeorras que terá lugar no mes de outubro con saída desde A Rúa.

A BTT do Roteiro do Viño de Valdeorras, unha iniciativa xurdida en 2021 para promocionar o territorio amparado vitivinícola da comarca e ligalo á práctica deportiva, alcanza este ano a súa terceira edición. Como novidade, esta proba non competitiva sobre dúas rodas partirá este ano do municipio da Rúa e desenvolverase na xornada do 22 de outubro.

A acollida desta actividade, deseñada desde o Roteiro do Viño co apoio da Axencia Turismo de Galicia, foi moi ampla desde o principio e contou cunha ampla participación dende o principio. O primeiro ano, en 2021, foron máis de 150 persoas as que participaron na proba e o ano pasado, debido ás condicións meteorolóxicas adversas, a cifra reduciuse lixeiramente, pero aínda así alcanzou as 115 inscricións.

Por este motivo, o Roteiro do Viño decidiu dar continuidade á iniciativa, que este ano conta co apoio explícito do Concello da Rúa e terá o seu punto de saída no Aguillón.

A III BTT do Roteiro do Viño de Valdeorras conta co respaldo da Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia; do Concello da Rúa; do @Consello Regulador da D.O. Valdeorras e da empresa de servizos turísticos Roteiros Xanzá.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023