O delegado territorial da Xunta en Ourense visitou esta mañá a Boutique Garoba no Barco de Valdeorras

Gabriel Alén informa da apertura do prazo para adhesión dos establecementos ao Bono Activa Comercio

O delegado territorial informou que a partir de hoxe os establecementos interesados poden adherirse a unha nova convocatoria do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia

A principal novidade deste ano é que non se vai limitar o número de usuarios que poden descargar o bono: cando o importe total dos descontos realizados alcance o orzamento previsto, os bonos descargados xa non se poderán utilizar

Ourense, 9 de maio de 2023 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, no concello do Barco de Valdeorras, a Boutique Garoba, onde informou que a partir de hoxe os establecementos poderán adherirse ao Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia. Unha terceira edición que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, tendo por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación das familias, e que segundo Gabriel Alén, “permitirá incrementar as vendas do comercio, ao tempo que os bonos de desconto outorgarán unha maior capacidade de compra aos consumidores”.

O delegado territorial lembrou que, como en anteriores ocasións, as persoas consumidoras poderán descargar a partir do próximo 15 de maio na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos. Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores desde o 15 de maio e ata o 15 de setembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado a este programa. Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023