O delegado territorial de Lugo mantén un encontro cos alumnos dos IES Daviña Rey, A Pinguela e Río Cabe de Monforte distinguidos con premios académicos

Javier Arias visitou os tres institutos para felicitar aos estudantes que lograron destacar en campionatos do Bacharelato de Excelencia, así como en concursos empresariais e de robótica

Monforte de Lemos (Lugo), 9 de maio de 2023

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá Monforte de Lemos para manter varios encontros co alumnado e equipos docentes dos IES Daviña Rey, A Pinguela e Río Cabe, que foron distinguidos con varios premios en concursos nacionais e competicións autonómicas do Bacharelato de Excelencia; así como en campionatos de desenvolvemento de competencias empresariais e tamén de robótica.

A primeira parada da súa ruta monfortina foi no IES A Pinguela, onde Javier Arias mantivo unha reunión cos alumnos e profesores distinguidos co primeiro e terceiro premio na V Competición de Robots que organiza a Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, destacando “a importancia destes premios nunha disciplina científica chamada a ser unha das tecnoloxías, non xa do futuro, senón do noso tempo a xulgar por como está a gañar terreo en cada vez máis aplicacións da nosa vida cotiá”. Neste centro tamén coñeceu a Diego Guntín, estudante que obtivo o primeiro premio no concurso de fabricación e programación de robots.

Dous traballos de senllos alumnos do IES Daviña Rey foron distinguidos recentemente con sobresaíntes no STEMbach, o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía que se imparte neste centro monfortino desde 2018, en colaboración coas tres universidades galegas. O delegado territorial tivo a oportunidade de conversar cos alumnos Sara Santos Sarmiento e Luis Alfonso Rodríguez, premiados nesta nova edición, convocada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, polos seus traballos sobre a resistencia aos antibióticos e sobre as carencias en ciberseguridade, respectivamente. Arias eloxiou o traballo e o nivel destes estudos realizados en colaboración coa Facultade de Ciencias de Ourense e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo.

A visita ao IES Río Cabe pechou a ruta polos centros educativos de Monforte de Lemos. Alí, o delegado territorial mantivo un encontro cos alumnos e o equipo docente que lograron o terceiro premio no programa educativo nacional de simulación empresarial, Young Business Talents. Javier Arias interesouse por este proxecto “co que demostraron a súa visión e habilidade empresarial, logrando o terceiro posto nun concurso nacional no que competiron con máis de 10.600 alumnos, o que aínda dá maior mérito a súa destacada posición”.

Arias gabou “o compromiso e o traballo destes alumnos e alumnas” e puxo en valor a implicación dos centros educativos “que fomentan o talento dos mozos e mozas” e que “completan a formación do alumnado en aspectos máis amplos, como axudarlles a desenvolver unha mentalidade rigorosa e crítica; a potenciar a súa creatividade e a mellorar as súas capacidades de comunicación”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023