O DOG publica a encomenda do Sergas á Axencia Galega de Infraestruturas das obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña

O Novo Chuac é a obra sanitaria de maior envergadura que acometerá a Xunta nesta lexislativa

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución da Consellería de Sanidade, pola que o Servizo Galego de Saúde encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia da xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.

Cómpre remarcar que a Xunta ten en avanzado estado de tramitación, e próximas á súa licitación, as obras tanto de demolición do actual Hotel do doente como de construción da Torre Polivalente. Precisamente, no día de onte, o Executivo galego publicou, no Diario Oficial de Galicia, a convocatoria, para o vindeiro día 22 de maio, dos actos expropiatorios para executar a Torre Polivalente, que será a primeira edificación do Novo CHUAC.

Ademais, estase a ultimar a redacción do proxecto de interese autonómico, que a Xunta prevé someter a información pública este mesmo mes de maio.

A execución desta infraestrutura, que se adiantará ao resto do edificio hospitalario, suporá un investimento autonómico de 37,2 M€. A Torre Polivalente é a primeira fase do futuro Hospital Público da Coruña, de modo que a intervención dea como resultado un novo hospital, que integre o que se vai construír co que xa existe, funcionando todo como un conxunto.

O Novo Chuac, no que a Xunta vai investir 500 M€, é a obra sanitaria de maior envergadura que acometerá a Xunta nesta lexislativa e busca preparar as instalacións sanitarias para a medicina e as necesidades dos pacientes da área sanitaria coruñesa nas vindeiras décadas

Data de actualización: 09/05/2023