Aberto o prazo de adhesión para os establecementos que queiran participar no Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia

A terceira edición desta iniciativa mobilizará 8,5 M€ no comercio de proximidade

A partir do vindeiro luns, 15 de maio, os clientes poderán descargar e utilizar os descontos de 30 euros nos establecementos adheridos

A principal novidade é que non se vai limitar o número de usuarios que poden descargar o bono: cando o importe total dos descontos realizados alcance o orzamento aprobado para esta convocatoria -2,5 M€-, os bonos descargados xa non se poderán utilizar

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023

Os establecementos que desexen participar na terceira edición do Bono Activa Comercio xa poden adherirse, desde hoxe e ata o 1 de setembro, a este programa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do seu rexistro na web www.bonosactivacomercio.gal.

A nova convocatoria conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns en vendas, co obxectivo, tamén, de contribuír a reducir o impacto da inflación nas familias. Como en anteriores ocasións, as persoas consumidoras poderán descargar na web un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos. Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros.

A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores desde o 15 de maio e ata o 15 de setembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado a este programa. Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023