A Xunta presenta Galicia como un escenario de oportunidades para profesionais e empresas tecnolóxicas

O conselleiro de Facenda e Administración Pública clausurou esta tarde o Congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030 Summit

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023 O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, referiuse hoxe a Galicia como un escenario de oportunidades para profesionais e empresas tecnolóxicas durante a clausura do congreso Ecosystems, que reuniu na Coruña a expertos mundiais neste ámbito.

Corgos apelou á visión estratéxica e ao traballo conxunto e coordinado entre a Administración, o coñecemento –representado polas universidades e centros de investigación­­–­, a sociedade e os sectores privados para converter Galicia nun territorio especializado en tecnoloxía e con capacidade para crear, reter e atraer talento dixital. A especialización tecnolóxica constitúe o eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Nesta liña, referiuse aos nodos como exemplo dese traballo conxunto. E citou o nodo CIBER.gal, un espazo de intercambio e diálogo no que coinciden máis de 50 entidades, entre elas, a Xunta, como promotora da iniciativa, as catro deputacións provinciais e os concellos; ou o nodo galicIA de Intelixencia Artificial, cunha importante implicación do sistema universitario público de Galicia.

Así mesmo, salientou a importancia do traballo conxunto e coordinado no proceso de selección convocado polo Estado que vai permitir que Galicia acolla a primeira axencia nacional europea de supervisión da intelixencia artificial; unha colaboración, aseverou, construtiva e xenerosa por parte de todos que permitiu a elaboración dun proxecto de país.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública aproveitou a súa intervención na clausura do Congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030 Summit, para agradecer aos participantes a súa asistencia e a súa contribución para consolidar Galicia como lugar de concentración do coñecemento europeo sobre Intelixencia Artificial.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023