A Xunta pon en valor os éxitos do motociclismo galego con nomes referentes a nivel internacional e a organización de eventos como o Mundial de Enduro

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na primeira xornada da segunda proba do Campionato Mundial EnduroGP en Lalín

O concello acolle ao mesmo tempo a terceira proba do Campionato de España desta modalidade e outra do Campionato de Galicia

Diego Calvo destacou que Galicia conta cos mellores pilotos galegos en motocross e trial e lembrou que este mundial xa se celebrou o ano pasado tamén en Lalín e en Santiago de Compostela en 2019

Lalín (Pontevedra), 5 de maio de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na primeira das xornadas do Campionato Mundial EnduroGP que ata o domingo acolle Lalín e por segundo ano consecutivo. Trátase da segunda proba da competición e a única en España tras pasar por Italia e antes de recalar en Finlandia, Suecia, Eslovaquia e Portugal. Por iso, Diego Calvo agradeceu á Federación Galega de Motociclismo e ao club Móvete na Moto o esforzo para que a capital do Deza se converta de novo en epicentro mundial do motocilismo.

Ademais, nesta ocasión a cita mundialista coincide no mesmo concello e na mesmas datas coa segunda proba do Campionato de España de Enduro e co Campionato de Galicia. En total, participarán case 230 pilotos, máis dun cento na proba mundial, a mesma cifra que na nacional. Canto á representación galega son 21 persoas as que corren no Campionato de Galicia, das que 5 tamén compiten no de España.

Diego Calvo resaltou que Galicia volva a ser escollida para levar a cabo unha proba do Campionato Mundial EnduroGP, ao igual que o ano pasado tamén en Lalín e como xa fora Santiago de Compostela en 2019. Lalín e Santiago de Compostela son ademais cada ano sedes do Campionato de España, xunto con A Estrada, Lleida e Barcelona.

O vicepresidente segundo da Xunta incidiu en que a organización deste tipo de eventos permite situar á comunidade como unha potencia deportiva. Nesta liña, engadiu que Galicia conta con nomes de referencia a nivel mundial que avalan a boa saúde e os éxitos do motociclismo galego nos últimos casos. É o caso de Jorge Prado, Rubén Fernández e Yago Martínez en motocross ou Gabriel Marcelli e Jorge Casales en trial. Segundo apuntou, todos eles son referentes para a mocidade que segue os seus pasos, o que explica o auxe das licenzas federativas no motociclismo ata superar as 1.100. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023