O Observatorio da Sociedade da Información en Galicia publica hoxe un estudo sobre a traxectoria profesional dos perfís STEM na Comunidade

Galicia incrementa a súa capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e reter talento dixital

A porcentaxe de matriculados en carreiras STEM no Sistema Universitario Galego incrementouse un 3,6 % en dous anos

Os titulados nestes estudos que optan por traballar fóra da Comunidade diminúe en máis de 4 puntos

Preto do 80% das persoas tituladas na área STEM seguen a traballar en Galicia aos cinco anos de finalizar os seus estudos e máis dun 90% volvería a cursar a mesma carreira
 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2023

A porcentaxe de matriculados en carreiras STEM no Sistema Universitario Galego incrementouse un 3,6% en dous anos e preto do 80% dos titulados neste área seguen a traballar en Galicia cinco anos despois de rematar os seus estudos. Así se desprende dos datos do estudo “Talento dixital: estudo da traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia. Edición 2023”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que analiza a evolución destes perfís profesionais durante o período 2019-2023.

                       

Os datos sinalan que Galicia está a incrementar a súa capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e tamén para reter talento. En dous anos o número de persoas matriculadas en carreiras STEM pasou de 12.996 matriculacións a 13.469. Ademais, preto do 80% das persoas tituladas en carreiras STEM está a traballar en Galicia aos cinco anos de finalizar os seus estudos. A porcentaxe de titulados neste área que optan por traballar fóra de Galicia nos cinco primeiros anos da súa traxectoria laboral pasou do 24,7% no 2019 ao 20,3% no 2021. Ademais, os egresados en STEM presentan un alto grao de satisfacción cos estudos universitarios e máis do 90% volvería a cursar a mesma titulación.

 

A fenda dixital de xénero segue presente nos estudos STEM e é especialmente acusada na FP, na que as mulleres só representan o 12,4% do alumnado. No bacharelato o 47,5% do alumnado de “Ciencias e tecnoloxía” son mulleres pero na universidade esta porcentaxe queda no 34% a pesares de que en ambas etapas formativas as mulleres son, globalmente, máis do 55% do alumnado.

 

Por titulacións, as mulleres son minoría nas carreiras de enxeñerías e tecnolóxicas (informática, industrial e telecomunicacións). Son maioría nas Ciencias Naturais e en Matemáticas partían dunha situación igualitaria pero van perdendo peso no alumnado a medida que neste grao é máis difundida a súa relación coas tecnoloxías da información.

 

Inserción laboral e sectores

Respecto ao nivel de inserción laboral, o estudo sinala que o 87% das persoas tituladas na área STEM en Galicia está traballando aos cinco anos de titularse, cun crecemento do 4,1% respecto a dous anos antes. Resulta salientable que a inserción laboral das mulleres acada o 87,3% e supera lixeiramente á dos homes 86,6%.

 

Por outra banda, o tempo para acadar un posto de traballo entre os universitarios STEM en traballos relacionados reduciuse en máis de mes e medio.

 

O estudo reflicte tamén a aceleración da dixitalización no tecido produtivo e o aumento da demanda de tecnólogos e científicos en todos os sectores. Con todo, o sector TIC é a principal fonte de emprego para as persoas tituladas STEM (23,8%) seguido pola industria non TIC (16%) e as empresas non TIC de enxeñaría e servizos a empresas (13%). En cuarto lugar o sector público (Administración xeral, educación e sanitaria) emprega ao 12,6% de egresados.

 

Funcións actuais

As principais tarefas relacionadas coas tecnolóxicas máis disruptivas que están a desenvolver titulados STEM son Mobilidade, Tecnoloxías Cloud, Big Data, Ciberseguridade, Intelixencia Artificial, Tecnoloxías verdes, Internet das Cousas e Biotecnoloxía.

 

A estes roles súmanse as ocupacións máis “tradicionais” de  titulados STEM como estratexia e xestión do Negocio no sector TIC, programación, desenvolvemento web e administración de sistemas, mantemento e xestión de redes, webs e sistemas informáticos e docencia en materias STEM.

 

As ocupacións emerxentes ou relacionadas con tecnoloxías disruptivas que máis aparecen na descrición dos empregos dos STEM son nos campos de Análise e ciencia de datos, Biotecnoloxía e Medio ambiente.

 

Demanda de persoal con titulación STEM no sector TIC

O 81,1% das empresas TIC que ofertan emprego para titulados STEM, indican que cubrir estes postos é difícil ou moi difícil.

 

En canto aos perfís concretos do persoal que demanda o sector TIC, máis do 48% das empresas TIC de Galicia busca perfís relacionados coa programación, desenvolvemento de aplicacións e desarrolladores de software en xeral; máis do 20% busca profesionais relacionados coas Tecnoloxías Cloud, a Xestión do dato e a Ciberseguridade; e máis dun 18% das empresas tecnolóxicas están demandando na actualidade perfís con coñecementos en Intelixencia Artificial.

 

Os  resultados detallados do informe están dispoñibles na web www.osimga.gal

Data de actualización: 07/05/2023