Máis de 440 escolares de infantil e primaria visitarán este mes as Illas Atlánticas grazas ao concurso educativo da Xunta O Parque Nacional coa escola

No certame participaron un total de 2247 persoas, entre alumnado e profesorado, pertencentes a 26 colexios de Vigo, Bueu, Vilagarcía, Ribeira, Cangas e Sanxenxo

Os traballos premiados serán expostos a partir do 29 de maio
 

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2023

Máis de 440 alumnos e alumnas de infantil e primaria visitarán este mes o Parque Nacional das Illas Atlánticas como premio polo certame educativo O Parque Nacional coa Escola, que impulsa a Xunta.

O concurso ten como obxectivo que os escolares reflictan o aprendido nos obradoiros impartidos polo Parque Nacional nos colexios participantes e no centro de visitantes de Vigo. Concretamente, a edición deste ano consistiu nun traballo grupal feito a man centrado no corvo mariño cristado para os cursos de educación infantil e primeiro, segundo e terceiro de primaria; e un xogo dixital de preguntas e respostas para os niveis de cuarto, quinto e sexto.

A iniciativa contou coa participación dun total de 2247 persoas, entre docentes e alumnado, pertencentes ás máis de 100 aulas dos 26 colexios dos concellos de Vigo, Bueu, Vilagarcía, Ribeira, Cangas e Sanxenxo que forman parte do programa educativo para o curso 2022-2023 do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O premio é unha ruta especial cos guías do parque, onde o alumnado poderá aplicar o aprendido nas actividades educativas e, así mesmo, desfrutar de tempo de lecer para desfrutar dunha xornada na natureza. As visitas realizaranse a primeira quincena de maio, cando se lle entregarán os diplomas acreditativos aos participantes. Nesta ocasión, os destinos elixidos polos centros son Cíes, Ons e Sálvora.

Os colexios gañadores foron o Ceip Plurilingüe Belesar (Baiona), o Ceip A Pedra (Bueu), o Ceip Plurilingüe Casa de la Virgen (Cangas), o Ceip O Pombal (Vigo), o Colexio Miralba (Vigo), o Ceip Ría de Vigo (Vigo), o Ceip Emilia Pardo Bazán (Vigo), o Ceip Altamar (Vigo) e o Ceip Dr. Fleming. Todos os traballos están visibles no Facebook do Parque Nacional, e os premiados serán expostos a partir do 29 de maio e ata fin de xuño.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2023