A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá os xardíns do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, no concello coruñés de Vedra

A Xunta resolve incorporar ao Catálogo Galego de Árbores Senlleiras dúas sequoias, unha sobreira e unha formación de camelias

Ángeles Vázquez explica que o Diario Oficial de Galicia publicará o luns a resolución pola que se cualifican como senlleiros catro novos elementos en Vedra, Barro e Teo

Con estas últimas incorporacións, o inventario sumará no conxunto da Comunidade 150 árbores e 40 formacións, pertencentes a máis de 80 especies diferentes
 

Vedra (A Coruña), 6 de maio de 2023

A Xunta acaba de decidir a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras de catro elementos novos: dúas sequoias localizadas en Teo (A Coruña), a sobreira de Outeda, situada en Barro (Pontevedra), e unha formación de camelias en Vedra (A Coruña).

Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou esta mañá as camelias do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla e indicou que o vindeiro luns se publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se sumarán oficialmente a este inventario tres novas árbores e a devandita formación.

Acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, a conselleira explicou que o Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta pública e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este inventario de carácter administrativo foi obxecto de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso dos 4 elementos referidos e que acaban de recibir o informe favorable do Comité galego de árbores senlleiras.

Neste sentido, no catálogo son susceptibles de incluírse todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.

No caso concreto da formación de camelias que visitou hoxe en Vedra —que forman parte de dous agregados separados no espazo e son coñecidos como Bosque de camelios e Paseo das noivas e fondo do prado— Ángeles Vázquez explicou que nela se recollen os camelios máis representativos pola súa antigüidade que hai neste Pazo, que alberga innumerables exemplares de Camellia japonica, ademais doutras especies e variedades diversas do mesmo xénero.

Ademais, indicou que grazas a esta nova incorporación ao Catálogo, o Pazo de Santa Cruz de Rivadulla contará nos seus xardíns cun total de 10 elementos senlleiros: 7 árbores e 3 formacións.

Polo que respecta ás dúas sequoias vermellas do Xirimbao, en Teo, atópanse no couto do Couso, na área recreativa do Xirimbao. O refuxio e a zona de recreo se inauguraron en 1961, polo que se considera que estes exemplares foron plantados sobre esa mesma data e teñen unha idade comprendida entre os 60 e os 70 anos, posto que se descoñece o tamaño co que foron plantadas.

Finalmente, a Sobreira de Outeda está localizada na parroquia de Santa María de Curro, en Barro. Ten unha altura de máis de 20 metros e unha proxección de copa que ronda os 23 metros de circunferencia. Pola información dispoñible, dedúcese que a sobreira puido plantarse a finais do século XVIII ou principios do século XIX. A notable dendrometría amosa que se trata dun exemplar centenario, criterio a ter en conta á hora de facilitar a súa catalogación para preservalo como monumento vexetal.

Cando o próximo luns se fagan efectivas as 4 últimas incorporacións, o Catálogo galego de árbores senlleiras sumará xa un total de 190 elementos (150 exemplares e 40 formacións arbóreas) pertencentes a 82 especies diferentes e coa seguinte distribución:

PROVINCIA
ÁRBORES
FORMACIÓNS
TOTAL
A Coruña
43
14
57
Lugo
35
6
41
Ourense
20
6
26
Pontevedra
52
14
66
Galicia
150
40
190

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2023