Javier Arias participa na inauguración do Salón Internacional do Cabalo ‘Equigal’, que se celebra no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo

Lugo, 5 de maio de 2023

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na inauguración da XVI edición do Salón Internacional do Cabalo de Galicia Equigal, que comeza esta fin de semana co Concurso nacional de salto de obstáculos. Desenvolverase no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo ao longo do mes e conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Arias destacou “o nivel do evento, que reúne aos mellores cabalos de pura raza galega, española e árabe, e constitúe un referente no mundo da hípica, como demostra o feito de que o Concurso morfolóxico de cabalo de pura raza árabe sexa por primeira vez de carácter internacional”; este certame celebrarase os días 13 e 14 de maio.

Outras citas programadas son os bautismos ecuestres –entre os días 8 e 12-, o Concurso morfolóxico de cabalos de pura raza galega -o domingo 14-, e o de pura raza española, que pechará as actividades na fin de semana do 19 al 21 de maio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023