A Xunta adxudica as obras para a instalación de enerxía solar fotovoltaica na depuradora de Vilaboa

Os traballos, adxudicados por preto de 27.000 €, incluirán a redacción do proxecto, dirección de obra e unha instalación fotovoltaica de 45kWp para autoconsumo

O obxectivo é garantir o aforro económico na facturación eléctrica derivada da xestión das instalacións e acadar unha importante redución de emisións de CO²

Os traballos nas instalacións de Vilaboa forman parte das actuacións para avanzar cara á neutralidade enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais que xestiona Augas de Galicia

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras para a instalación de enerxía solar fotovoltaica na estación depuradora de augas residuais de Vilaboa.

 

Os traballos, adxudicados á empresa Servicios Técnicos y Mantenimiento de Alta Tensión SAU por preto de 27.000 euros, incluirán a redacción do proxecto técnico, dirección de obra, tramitación administrativa e execución dunha instalación fotovoltaica de 45kWp para autoconsumo, nos terreos asociados á depuradora municipal, situada na parroquia de Bacoi, que xestiona a entidade hidráulica da Xunta.

 

A través deste contrato Augas de Galicia busca garantir o aforro económico na facturación eléctrica derivada da xestión da estación depuradora, ao tempo que acadar unha importante redución de emisións de CO² equivalente.

 

Estas intervencións contan con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 e do proxecto Aqualitrans II 1 E.

 

A actuación nas instalacións de Vilaboa, súmase á que tamén se realizará na depuradora do concello lucense de Alfoz, no marco das actuacións que impulsa a Xunta para avanzar cara á neutralidade enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais xestionadas por Augas de Galicia.  

Data de actualización: 06/05/2023