A Xunta abre o prazo para optar a catro bolsas de formación en asuntos relacionados coa Unión Europea

O programa formativo permite realizar prácticas na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas

A medida vai dirixida a persoas tituladas universitarias ou con titulación técnica superior de Formación Profesional

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a convocatoria da Fundación Galicia Europa (FGE) de catro bolsas destinadas a persoas tituladas universitarias ou con titulación técnica superior de Formación Profesional para formarse en asuntos relacionados coa Unión Europea e facilitar o acceso ao mercado laboral. O orzamento da medida supera os 64.000 euros que cobren as retribucións, a Seguridade Social, os gastos de desprazamento e un seguro de cobertura sanitaria.

Trátase dun programa que a FGE leva a cabo cada ano para potenciar o coñecemento sobre asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega. O programa formativo permitiralles a catro persoas realizar prácticas na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas a partir de setembro e durante 11 meses.

Tres das bolsas están dirixidas a persoas cun título universitario. Destas, dúas son para a formación xeral en asuntos comunitarios e outra para a formación en comunicación das políticas comunitarias e da participación galega en asuntos europeos. Neste último caso a titulación requirida é de Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.

A cuarta bolsa destínase a persoas con titulación técnica superior de Formación Profesional na familia de Administración e Xestión, para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo.

As persoas interesadas en optar ás bolsas teñen de prazo ata o 5 de xuño. A solicitude debe presentarse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).

O proceso de selección divídese en dúas fases. A primeira delas consiste nunha valoración de méritos que terá en conta o expediente académico, as titulacións, os cursos, os idiomas e o coñecemento da lingua galega, entre outros aspectos. As primeiras persoas clasificadas pasarán á seguinte fase, consistente nunha entrevista persoal.

 

Data de actualización: 07/05/2023