A Xunta salienta a colaboración entre organismos como chave no funcionamento dos sistemas de integridade institucional

O conselleiro de Facenda e Administración Pública destacou a experiencia galega co Consello de Contas e fixo un repaso polos case dez anos do exercicio de rendemento de contas das políticas públicas

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo hoxe de manifesto as vantaxes da colaboración entre institucións como chave no funcionamento dos sistemas de integridade institucional.

 

Miguel Corgos participou na inauguración do seminario “Os órganos rexionais de control externo e a avaliación de resultados”, un intercambio de experiencias organizado polo Consello de Contas de Galicia en colaboración coa Organización Europea de Institucións Rexionais de Control Externo do Sector Público (EURORAI).

 

Durante a súa intervención, o conselleiro salientou que, no que se refire á ética pública é básica a colaboración entre a institución supervisora e a controlada para acadar o reto do funcionamento da Administración en todos os aspectos. E que nese ámbito, a experiencia galega co Consello de Contas, baseada nunha relación de confianza e aprendizaxe mutuo, é moi positiva e frutífera.

 

Tras facer un repaso polos case dez anos de historia do exercicio do rendemento de contas das políticas públicas, o titular da Facenda autonómica, puxo en valor a reforma da Lei que rexe o Consello de Contas para atribuírlle a ese organismo fiscalizador as funcións de prevención da corrupción en Galicia. Con esta norma, a Xunta foi a primeira administración en España en aprobar un sistema de integridade institucional.

 

Tamén destacou que Galicia foi a primeira administración en España en elaborar o Plan de Prevención de Riscos de Xestión e Medidas Antifraude para prepararse para a recepción dos fondos Next-Generation.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2023