A Xunta pon en valor as novidades empresariais no sector alimentario
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe na apertura da xornada de Novidades para o sector alimentario en 2023, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia. Ao longo da mañá expóñense diversos relatorios e faladoiros sobre a actualidade no relativo a este eido e as súas vertentes empresariais.
Durante a súa intervención, o director puxo en valor a importancia das innovacións no sector alimentario, especialmente no referido ás empresas transformadoras, que se atopan nun momento no que cómpre redefinir as liñas estratéxicas necesarias para adaptarse a novos mercados e ás demandas dos consumidores. Ademais, resaltou a importancia da creación dun marco e unhas condicións estables para permitir o desenvolvemento dos sectores mediante o traballo lexislativo relacionado coa recuperación de terras e coa calidade alimentaria, así como as estratexias sectoriais dos eidos tractores do sector primario galego.