A Xunta abre as convocatorias para a cobertura de 111 prazas nos corpos de policía local de 32 concellos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para acceder á escala básica, con 89 vacantes por oposición libre e outras 22 de provisión por mobilidade
A maiores ábrese tamén o proceso selectivo de acceso por promoción interna e de provisión por mobilidade na categoría de oficial, con 11 prazas noutros tantos municipios
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as convocatorias para a cobertura de 111 prazas da escala básica de policía local, das que 89 son de acceso por oposición libre e outras 22 de provisión por mobilidade.
Provisión por mobilidade
Canto ao proceso de provisión por mobilidade, as 22 prazas convocadas en oito concellos mediante concurso diríxense a persoas en situación de servizo activo na categoría de policías cunha antigüidade mínima de tres anos. Os méritos que se van valorar no baremo son as titulacións académicas oficiais, a antigüidade, a formación e a docencia, as distincións e recompensas oficiais, os idiomas e o coñecemento da lingua galega.
Convocatoria de 11 prazas de oficial
A maiores destas convocatorias da escala básica de policía local, o Diario Oficial de Galicia publica tamén hoxe o proceso selectivo de acceso por promoción interna e o proceso de provisión por mobilidade na categoría de oficial, con 11 prazas noutros tantos municipios.
Do total, 10 son por promoción interna e poden optar a elas as persoas que exerzan como policías locais nos concellos ofertantes cunha antigüidade mínima de tres anos. As localidades entre as que se distribúen as prazas son A Guarda, Ames, Burela, Caldas de Reis, Gondomar, Moaña, Noia, Ponteareas, Ribeira e Soutomaior.
A praza do proceso de provisión por mobilidade ofértase en Santiago de Compostela e diríxese a policías locais cunha antigüidade mínima de tres anos na categoría de oficial e que leven máis dun trienio continuado no actual destino.
Tanto na convocatoria de provisión por mobilidade para a escala básica como nos dous procesos da categoría de oficial as solicitudes deben presentarse de xeito obrigatorio a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta no prazo de 20 días hábiles a partir da publicación do anuncio destas convocatorias no Boletín Oficial do Estado.