A Axencia Tributaria de Galicia anula débedas residuais en período executivo por ter un importe inferior a tres euros

Así se desprende dunha resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG)
 

A anulación de débedas residuais evita recadacións que ocasionan perdas para a facenda pública
 

Afecta a 1.879 débedas dun importe medio de 1,05 euros
 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución conxunta da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma pola que se acorda a anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo e das cales resulte unha débeda pendente de recadar por un importe inferior aos tres euros.

A anulación de débedas residuais realízana de xeito periódico todas as administracións tributarias. O seu obxectivo é evitar actuacións recadatorias que supoñen unha perda para a facenda pública, xa que nestas liquidacións xéranse uns custos superiores aos recursos que potencialmente se puidesen obter coas mesmas.
 
As actuacións previstas na resolución publicada hoxe no DOG efectuaranse en relación coas liquidacións das cales resulte unha débeda pendente inferior á referida cantidade a 31 de decembro de 2022. Neste caso, suporá a anulación de 1.879 débedas que suman un total de 1.973,78 euros, é dicir, un importe medio de 1,05 euros por cada débeda anulada

Data de actualización: 05/05/2023