Galicia volve ser epicentro do motociclismo coa proba do Mundial de Enduro de Lalín desta fin de semana

Unhas semanas despois da proba do mundial de TrialGP en Arteixo, Lalín acollerá a segunda proba do circuíto mundial de enduro cuns 230 deportistas dos que 21 serán galegos

Lalín (Pontevedra), 4 de maio de 2023

O secretario xeral par o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe a segunda proba do Campionato Mundial de Enduro que terá lugar en Lalín esta fin de semana e que concentrará na capital do Deza a uns 230 deportistas da especialidade. 

O mandatario galego destacou a sona internacional de Galicia como sede das probas de motor xa que o Gran Premio de España do circuíto mundial celébrase en Lalín por segundo ano consecutivo e en 2019 tivo lugar en Santiago de Compostela. Do mesmo xeito lembrou que hai unhas semanas tivo lugar en Arteixo o inicio do mundial doutra especialidade, o Trial GP, coa participación destacada de dous galegos como Gabriel Marcelli e Jorge Casales. 

Lete Lasa destacou a importancia do motociclismo en Galicia, xa que as licenzas van en aumento. Neste sentido subliñou o incremento das fichas da federación galega que en 2009 contaba con preto de 500 e actualmente sobrepasa o milleiro. Ademais dos pilotos de trial, Lete Lasa destacou a gran tempada que están a facer os pilotos galegos de motocross como Jorge Prado, Rubén Fernández ou Yago Martínez. 

O responsable do deporte galego asegurou que Galicia será de novo o epicentro do motociclismo mundial nesta fin de semana e desexou a mellor das sortes para os 21 motociclistas galegos que competirán en Lalín, nomeadamente, as dúas mulleres das que dixo ser a esperanza de que as licenzas femininas repunten no motor en Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2023