A Xunta convocará este mes por 9 M€ o programa de axudas para mellorar a accesibilidade en vivendas e edificios residenciais


É o segundo ano consecutivo que o Goberno galego aposta por esta liña de incentivos, coa que aspira a facer máis accesibles ao redor de 1.700 vivendas galegas

As actuacións subvencionables deberán facilitar a adaptación dos inmobles para o seu uso por persoas con algunha discapacidade a través, por exemplo, da instalación de ascensores e salva escaleiras, da mellora dos accesos desde a vía pública ou da dotación de produtos de apoio, sistemas de guiado, sinais luminosos e sonoros

Poderán beneficiarse propietarios, usufrutuarios e mesmo inquilinos dos inmobles, comunidades de veciños, sociedades cooperativas e tamén empresas construtoras

O importe da axuda variará segundo o tipo de vivenda e chegará ata os 18.000 € cando algún dos residentes acredite un grao de discapacidade do 33 % ou superior
 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023

A Xunta convocará este mes de maio por un orzamento global de 9 millóns de euros o programa de axudas para a mellora da accesibilidade en e ás vivendas, unha liña de incentivos xestionada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co fin de facilitar a adaptación tanto exterior como interior de diferentes tipos de inmobles residenciais para o seu uso por persoas con algún tipo de discapacidade. 

O Consello foi informado hoxe da resolución pola que se procederá a convocar por segundo ano consecutivo estas subvencións, que se enmarcan no Plan para o acceso á vivenda 2022-2025 e coas que o Goberno galego aspira a facer máis accesibles ao redor de 1.700 vivendas no conxunto da Comunidade. 

O obxectivo é apoiar economicamente os solicitantes no financiamento de intervencións e obras que contribúan a eliminar barreiras arquitectónicas ou faciliten o acceso tanto en vivendas unifamiliares como en edificios de uso colectivo. Ademais, as actuacións poderán realizarse non só dentro dos propios inmobles senón tamén nos espazos e zonas comúns e naqueles que serven para comunicalos co exterior. 

Entre as obras subvencionables inclúense, por exemplo, a instalación de ascensores, salva escaleiras, ramplas ou mecanismos motorizados para a apertura de portas; as reformas dos accesos desde a vía pública; a colocación de produtos de apoio como guindastres, sistemas tecnolóxicos de guiado, sinais luminosos, visuais, táctiles ou sonoros; dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior; a domótica e outro tipo de tecnoloxía que favoreza a autonomía persoal; e calquera intervención que facilite a accesibilidade universal no interior das vivendas, nos propios edificios de tipo residencial colectivo, así como nas súas vías de evacuación.

En canto aos beneficiarios, poderán acollerse ao programa as persoas físicas donas, usufrutuarias ou inquilinas dos inmobles, as comunidades de veciños, as sociedades cooperativas e as empresas construtoras, propietarias ou arrendatarias dos edificios. 

Con carácter xeral, as axudas cubrirán, como máximo, o 60 % do custo da actuación que se acometa, aínda que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 80 % se na vivenda ou no edificio reside unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos. 

Ademais destas limitacións, a contía das subvencións será variable e dependerá tanto da tipoloxía e características dos inmobles como das circunstancias dos seus residentes. Así, se se trata dunha casa unifamiliar —illada ou agrupada— o beneficiario poderá recibir ata 12.500 euros para facela máis accesible e cando a subvención se solicite para intervir sobre un edificio residencial, concederase un máximo de 9.000 euros por vivenda e de 90 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial. Por último, se a solicitude ten por obxecto intervir sobre unha vivenda integrada nunha edificación de tipo colectivo, o importe da axuda da Xunta non superará os 6.000 euros. 

En calquera dos tres supostos anteriores a subvención chegará ata os 15.000 euros por vivenda se nela reside unha persoa con discapacidade e ata os 18.000 euros se acredita un grao de discapacidade do 33 % ou superior. Ademais, no suposto de edificios ou vivendas declaradas ben de interese cultural (BIC), catalogados ou con algún tipo de protección os importes mencionados poderán incrementarse en 3.000 euros máis. 

Prazos de execución

Este é o segundo ano que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) convoca con carácter plurianual o programa de axudas de accesibilidade en e ás vivendas. O ano pasado o orzamento asignado a esta liña foi de 4,3 millóns de euros e ante a demanda existente, sobre todo entre os propietarios particulares, a dotación desta segunda convocatoria incrementouse ata os 9 millóns de euros. 

Para acollerse ás axudas deste ano, as actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin finalizadas antes de que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia. Isto permitirá que algúns dos solicitantes que o ano pasado quedaron sen axuda por falta de crédito, poidan volver solicitala. 

Así mesmo, o prazo de execución das obras no caso de vivendas unifamiliares non poderá exceder os 12 meses, mentres que para os edificios residenciais colectivos será de 24 meses tendo en conta que as intervencións neste tipo de inmobles adoitan ser máis complexas e requiren máis tempo. En calquera caso, as actuacións subvencionadas deberán estar rematadas antes do 28 de outubro do ano que vén.

Data de actualización: 04/05/2023