A nova Lei de ciencia situará Galicia na vangarda e contribuirá a favorecer a calidade de vida da cidadanía a través da innovación

Rueda subliña que o obxectivo é “mellorar a competitividade” da comunidade en I+D; “facilitar a transformación do coñecemento científico en solucións reais” e “a internacionalizacion do sector”

Resalta que o Consello aprobou hoxe o inicio da tramitación do anteproxecto de lei, que incorporará as achegas dos principais axentes do ecosistema galego de I+D+i

Subliña que a futura normativa incluirá as medidas aprobadas nos últimos anos pola Xunta na súa aposta pola “estabilización e promoción dos investigadores”

Estimularase e apoiarase a retención e a atracción de talento, favorecendo a creación dun ambiente axeitado para o desenvolvemento das carreiras profesionais do persoal tanto no sector público como no privado

Promóvese a inclusión da perspectiva de xénero como categoría transversal e a investigación e innovación responsable

En liña coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia, búscase dar resposta a retos como o desenvolvemento sustentable e a transición dixital
 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o inicio da tramitación do anteproxecto de Lei de ciencia e innovación coa que o Goberno galego busca “contribuír a mellorar a calidade de vida da cidadanía a través da innovación” mediante unha mellor mobilización do talento, a creatividade e as capacidades do territorio.

Rueda resaltou que a futura lei “situará Galicia na vangarda normativa” neste eido, incorporando as tendencias internacionais máis relevantes co fin de mellorar a competitividade e o desenvolvemento económico da Comunidade. Para iso, o proxecto de lei, para o cal agora se abrirá un período de consulta pública previa, incorporará as achegas dos principais axentes do ecosistema galego de I+D+i. O obxectivo, tal e como indicou o presidente, “é remitir a Lei ao Consello para a súa aprobación antes de finalice este ano”.

O titular do Goberno galego resaltou que a Xunta “aposta desde hai tempo pola estabilización e promoción dos investigadores” e que é preciso actualizar a actual Lei 5/2013 de fomento da investigación e a innovación de Galicia para incorporar as melloras aprobadas nos últimos anos así como para explorar todas as pancas dispoñibles para abordar os retos a que se enfronta Galicia na actualidade. Tal e como resaltou o presidente, o obxectivo da futura normativa é “mellorar a competitividade dos sistemas de I+D galegos; facilitar que o coñecemento científico se transforme en solucións reais que cheguen ao mercado e mellorar a internacionalización do sector”.

Entre as principais novidades que persegue este novo desenvolvemento normativo cabe destacar a incorporación de medidas de simplificación e redución de cargas administrativas para que os beneficiarios de axudas poidan concentrarse no contido dos proxectos.

Entre outros aspectos, tamén se establecerá un marco xeral de regulación do persoal. Neste sentido, a nova norma busca estimular e apoiar a formación do persoal de investigación, a retención e a atracción de talento, contribuíndo á creación dun ambiente axeitado para o desenvolvemento das carreiras profesionais, tanto no sector público como no privado.

Do mesmo xeito, abordarase o impulso da compra pública innovadora (CPI) a través das diferentes entidades da Xunta de Galicia, así como o fomento de fórmulas de innovación pública como espazos de ensaio e experimentación.

A nova Lei de ciencia e innovación vai en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e contribuirá ao desenvolvemento sustentable e á transición dixital, dando resposta a través da investigación e a innovación aos desafíos globais. A normativa avanza tamén no compromiso social e pola igualdade de xénero, sendo a máis adiantada de España en materia de investigación e innovación responsable e promovendo a inclusión da perspectiva de xénero como categoría transversal na ciencia, a tecnoloxía e a innovación, así como unha presenza equilibrada de mulleres e homes en todos os ámbitos do sistema galego de I+D+i.

Entre os principios básicos desta proposta están tamén unha boa e eficiente gobernanza da política de I+D+i; o compromiso coa formación, retención e atracción de talento; a relevancia da innovación pública para que a Administración sirva de exemplo innovador, e o impulso da innovación empresarial, incorporando medidas que favorezan a I+D+i por parte das pequenas e medianas empresas. Neste sentido, a norma introducirá medidas para incentivar a innovación nas pemes a través de estímulos de formación, financiamento ou asesoramento.

Do mesmo xeito, búscase posibilitar e favorecer a transferencia de coñecemento e a interacción entre o sistema galego de I+D+i e o tecido produtivo para o aproveitamento recíproco de oportunidades e resultados, xerando novas oportunidades no eido da transferencia, e favorecer a internacionalización da investigación científica, do desenvolvemento tecnolóxico e da innovación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2023