Avícola Rías Baixas recibe o certificado de Galicia Calidade para os seus produtos sumándose ás máis de 150 empresas adheridas

O Delegado Territorial da Xunta de Galicia en A Coruña salienta o compromiso de Avícola Rías Baixas coa preservación do medio ambiente

Boqueixón (A Coruña), 4 de maio de 2023 O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente de Galicia Calidade, organismo dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, Ana Méndez, fixeron entrega da nova sinalización, coa que se identifica ás empresas adheridas, aos responsables de Avícola Rías Baixas, compañía que conta con este selo de garantía, e aproveitaron este encontro para recoller as opinións, suxestións e achegas da mesma.

Avícola Rías Baixas é unha empresa dedicada á produción de ovos. Boneco é a súa marca de ovo ecolóxico, tamén coñecido como código 0. Este distintivo fai referencia aos requisitos que cumpre o produto, que as galiñas viven fóra de gaiolas, sen estrés ambiental e cunha óptima alimentación de materias primas naturais.

Esta empresa foi aumentando o seu posicionamento como marca de calidade no mercado ao adoptar un compromiso coa calidade dos seus produtos que lles obriga a adecuar as instalacións para criar ás galiñas nun ambiente propicio: maior liberdade, espazo e libres de gaiolas.

Gonzalo Trenor aproveitou esta xuntanza para destacar a aposta pola innovación e a excelencia en todo o proceso produtivo desta compañía, que conta co desenvolvemento dun novo produto, o ovo Novo2, que cumpre tres requisitos básicos: sustentabilidade, innovación e confianza. Neste senso, Ana Méndez explicou que a nova sinalética de Galicia Calidade integra os valores da sustentabilidade e o compromiso respectuoso co entorno, a mesma filosofía de traballo que desenvolve Avícola Rías Baixas.

Sobre Galicia Calidade

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con 151 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2023