A Xunta pon en valor a colaboración con Adicam no apoio a mulleres enfermas de cancro que tamén son vítimas da violencia de xénero e vulnerables

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación da programación ‘A nosa convivencia en feminino’ organizada pola Asociación de diagnosticad@s de cancro de mama e xinecolóxico (Adicam)

Enxalzou os apoios autonómicos canalizados pola entidade para acompañar ás vítimas da violencia de xénero e a mulleres en situación de vulnerabilidade

Pontevedra, 4 de maio de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella puxo en valor hoxe a colaboración efectiva que a Xunta desenvolve coa Asociación de Diagnosticad@s de cancro de mama e xinecolóxico (Adicam) para apoiar ás mulleres que padecen a enfermidade nesta provincia, ás vítimas da violencia de xénero e persoas vulnerables. A representante autonómica participou na presentación da programación A nosa convivencia en feminino nas dependencias desta entidade en Pontevedra.

Desde 2020, subliñou a secretaria xeral, Adicam presta atención social, psicolóxica, laboral e xurídica así como acompañamento hospitalario ás súas usuarias da man da Xunta de Galicia. “Grazas á colaboración formalizada cun importe de 15.000 euros en favor da vosa entidade, as beneficiarias reciben apoios para a prospección e adaptación laboral e poderán optar a obradoiros de habilidades sociais, dixitalización en feminino ou para gañar seguridade en procesos de resolución de conflitos”, indicou.

“O interese prioritario é poder ofrecer ás vítimas da violencia de xénero, neste caso enfermas oncolóxicas, apoio e acompañamento”, especificou a secretaria xeral.

O convenio enmárcase no conxunto de medidas que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade promove para avanzar na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e combater a violencia de xénero. “Trátase de sensibilizar, a través das diferentes actuacións, das distintas formas que adquire o maltrato como atentado á integridade física, psíquica e moral das vítimas, e protexer e apoiar ás mulleres que o padecen; tamén de ofrecer as ferramentas para identificar situacións de violencia”, dixo.

A secretaria xeral da Igualdade puxo en valor, por outra banda, o traballo que Adicam desenvolve a través das axudas para entidades sin ánimo de lucro dirixidas a apoiar a mulleres en situación de vulnerabilidade. “O obxectivo fundamental é o de mellorar a calidade de vida das mulleres en situación de vulnerabilidade e paliar a múltiple discriminación por mor de ser muller e ter especiais dificultades tanto a nivel persoal, familiar, social, psicolóxico e laboral”, remarcou.

A asociación Adicam leva traballando máis de 20 anos apoiando as mulleres afectadas de cancro de mama, ten a súa sede en Cangas e atende a toda a comarca do Morrazo, así como á área Pontevedra onde ten a sede no edificio da Xunta, na rúa Benito Corbal, onde hoxe se celebrou o acto. López Abella destacou a súa labor no apoio social e a axuda mutua ás mulleres que padecen cancro de mama, “tamén afectadas por outros factores que repercuten nas vidas de moitas de delas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2023