Diego Calvo destaca a importancia da formación dos efectivos que participan na busca de persoas desaparecidas

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu a unha práctica da ‘Xornada autonómica sobre persoas desaparecidas en Galicia’ desenvolvida na Agasp para persoal dos servizos de emerxencias e dos corpos e forzas de seguridade

A Estrada (Pontevedra), 4 de maio de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na sesión práctica da Xornada autonómica sobre persoas desaparecidas en Galicia que se está a desenvolver na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) dirixida a persoal dos servizos de emerxencias e dos corpos e forzas de seguridade. Nela o cento de asistentes ao encontro puideron comprobar a planificación e xestión dos operativos de busca desde o Posto de Mando Avanzado e as actuacións de unidades caninas e de drons.

Diego Calvo destacou a importancia de impulsar a formación dos diferentes efectivos que participan nestes operativos a través de iniciativas como a celebrada na Agasp, que permite afondar nos protocolos de actuación, nos servizos e recursos dispoñibles e sobre todo na coordinación entre todos eles. “Falamos de situacións de risco para a integridade das persoas desaparecidas e angustiosas para o seu círculo familiar e social, polo que cada minuto é fundamental”, engadiu.

O vicepresidente segundo incidiu na preocupación que xeran estes casos e sinalou que o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112 Galicia) recibiu o pasado ano máis dun milleiro de alertas por desaparicións, a meirande parte delas de persoas maiores, menores ou con algunha discapacidade. No que vai de ano, o número de alertas recibidas foi de 330, a maioría delas tamén relacionadas con eses colectivos.

Na xornada práctica de hoxe realizáronse demostracións das funcións dos drons en operativos de  busca, do traballo conxunto coas unidades caninas da entidade Cans de Salvamento de Galicia (Casaga), e de busca en estruturas colapsadas, entre outras.

Completouse así a sesión de onte, centrada en contidos teóricos da man de especialistas nestes operativos e de entidades dedicadas á busca de persoas desaparecidas. No foro abordáronse o concepto de persoa desaparecida e as actuacións e recursos de distintas unidades e servizos, como a Unidade Técnica da Policía Xudicial, a Unidade Cinolóxica da Garda Civil, a unidade de drons da Xunta, os servizos de extinción de incendios e salvamento, as unidades caninas, as agrupacións de Protección Civil, o Centro Nacional de Desaparecidos ou a Asociación SOS Desaparecidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2023