O conselleiro do Medio Rural participou esta mañá en Sergude nunha reunión con consellos reguladores

A Xunta destaca a súa aposta polos selos de calidade e incide na importancia de abrirse a novos mercados para dar a coñecer a excelencia da nosa produción agroalimentaria

José González destacou o esforzo orzamentario no marco do Plan estratéxico da PAC para promoción, cunha partida ao efecto que pasa de 15 millóns a 20 millóns, engadindo que serán subvencionables os plans estratéxicos de promoción dos selos

Nesa liña, defendeu a necesidade de darlle visibilidade a todas estas producións e convertelas nun referente a nivel internacional

Salientou diversas accións promocionais realizadas e previstas este ano e destacou a web “Experiencias de Calidade” como unha importante canle de promoción constante e de comercialización activa dos produtos de calidade de Galicia
 

Boqueixón (A Coruña), 3 de maio de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, reuniuse esta mañá no pazo de Quián con representantes de varios consellos reguladores dentro dos 37 selos de calidade diferenciada galegos. Alí, sinalou que continuará coa súa rolda de reunións con cada un destes entes para comprobar de primeira man as necesidades e demandas destes sectores e, de paso, coñecer os novos equipos dos 15 consellos reguladores que foron convocados a eleccións, como xa fixo co das indicacións xeográficas protexidas (IXP) das Carnes de Vacún. Ademais, revalidou a colaboración da Xunta con estes indicativos e incidiu na importancia de abrirse a novos mercados, co fin de dar a coñecer a excelencia e prestixio da nosa produción agroalimentaria.

 

O conselleiro destacou o esforzo orzamentario no marco do Plan estratéxico da PAC para promoción, cunha partida ao efecto que pasa de 15 millóns a 20 millóns, engadindo que serán subvencionables os plans estratéxicos de promoción dos selos.

 

Neste senso, puxo en valor a futura Lei da calidade alimentaria, a cal permitirá que estas producións de calidade acaden unha nova dimensión no mercado, actuando como “panca” na que se asente a produción de proximidade, sa, sustentable e de calidade que sempre identifica Galicia no ámbito gastronómico.

 

Así mesmo, José González defendeu a necesidade de darlle visibilidade a todas estas producións e convertelas nun referente a nivel internacional. Para iso, salientou, a Xunta está apoiando diversas accións relativas ao eido da promoción destes produtos con certificación de calidade.

 

Neste sentido, a Consellería do Medio Rural participou este ano en Madrid na Feira Internacional de Turismo –Fitur 2023– mediante diversas actividades dentro do espazo institucional da Comunidade galega. Alí presentáronse todos os produtos alimentarios galegos con indicativo de calidade, os cales tiveron unha presenza destacada dentro do evento. Pero tamén houbo representación galega noutras feiras de renome, como Gourmets ou a feira Prowein de Alemaña, o certame máis importante do viño en Europa e un dos máis relevantes a nivel internacional. Tamén houbo -e haberá- accións promocionais na Casa de Galicia en Madrid e impulsáronse iniciativas como o MercaDeza, no concello pontevedrés de Lalín, para dar a coñecer o selo de Artesanía Alimentaria, e que se repetirá nas outras tres provincias.

 

Así, o titular de Medio Rural asegurou que estas accións promocionais son fundamentais na consecución de novos mercados e na consolidación dos xa existentes. Ademais, a Consellería elaborou a web “Experiencias de Calidade”, como unha importante canle de promoción constante e comercialización activa dos produtos de calidade de Galicia.

 

E, no marco deste apoio institucional, cabe destacar tamén as estratexias de dinamización impulsadas pola Xunta nos sectores do leite, carne e viño, co obxectivo fundamental de situar a Galicia como unha rexión de referencia nestas producións, cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade.

 

Por último, lembrar tamén que a Xunta está a actuar de cara a aumentar o tamaño medio das explotacións galegas e a súa base territorial, con iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que xa está a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas mediante ferramentas como son as aldeas modelo e os polígonos agroforestais, e que está a servir para darlle un pulo á produción de calidade.  

 

Axudas de apoio aos consellos reguladores

Na xuntanza, o conselleiro lembrou que precisamente hoxe sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias, cun orzamento de 340.000 euros.

 

Estas axudas permitirán a estes entes manter o elevado nivel de rigorosidade necesario na realización das súas tarefas de control da orixe e da calidade dos produtos que certifican, rigor que é clave para a reputación das nosas denominacións de orixe e indicacións xeográficas e, en xeral, para a reputación do noso sistema de control da calidade. Ditas subvencións, financiadas exclusivamente con fondos propios da Xunta de Galicia, poden solicitarse no prazo dun mes a contar dende mañá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2023