A Xunta apoia con máis de 67.000 € tres programas de iniciativa social dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade en Ferrolterra

Entre as 52 entidades galegas beneficiarias desta convocatoria de axudas atópanse as asociacións Síndrome de Down Teima Ferrol, Acción Familiar (AFA) Ferrol e Tempus

As destinatarias dos programas son, entre outras, vítimas da violencia de xénero, de explotación sexual, laboral ou de trata, inmigrantes, refuxiadas ou reclusas

Ferrol, 3 de maio de 2023 A Xunta inviste 67.549 euros en financiar os programas de tres entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro de Ferrolterra dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publicou a resolución destas axudas do Goberno galego coas que se financian, entre outros, actuacións de orientación, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, de orientación laboral ou para a adquisición de habilidades persoais e sociais.

Entre as 52 entidades galegas beneficiarias da convocatoria deste ano atópase a Asociación Síndrome de Down Teima Ferrol, que percibiu unha axuda de 14.575 euros para o seu programa Mulleres Teimudas; Acción Familiar (AFA) Ferrol, cunha achega de 6.465 euros para un programa de apoio integral a mulleres en situación de especial vulnerabilidade denominado Reinvéntate; e a asociación Tempus que ten en marcha o programa Mulleres tecendo redes ao que a Administración galega contribúe con 25.470 euros.

O investimento total da convocatoria ascende a 1,4 millóns de euros e a contía da axuda para as entidades beneficiarias é como tope máximo os 40.000 euros.

Esta iniciativa financia, en concreto, programas que inclúan a posta a disposición de recursos integrais específicos para mulleres en situación de especial vulnerabilidade xestantes ou lactantes -con fillos ou fillas menores de tres anos- dirixidos a promover o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía económica e afectiva.

As destinatarias dos programas son, entre outras, vítimas da violencia de xénero, de explotación sexual, laboral ou de trata, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría ou reclusas.

As actuacións que se apoian a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade teñen en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades como elemento básico da atención especializada, co obxecto de que as destinatarias últimas poidan incrementar as súas expectativas persoais, sociais e laborais, xa que a mellora da súa empregabilidade é unha das metas principais da convocatoria.

 

Data de actualización: 03/05/2023