Persoal de emerxencias e dos corpos e forzas de seguridade aborda na Agasp as intervencións en casos de persoas desaparecidas

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración do encontro, que se prolonga ata mañá

Cun cento de asistentes, o obxectivo é afondar no desenvolvemento dos protocolos de actuación ante a desaparición dunha persoa no medio rural

A Estrada (Pontevedra), 3 de maio de 2023 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración da Xornada autonómica sobre persoas desaparecidas en Galicia que se desenvolve ata mañá na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) cun cento de asistentes entre membros do Sistema integrado de protección civil e emerxencias, e dos corpos e forzas de seguridade. O obxectivo é afondar no desenvolvemento dos protocolos de actuación ante a desaparición dunha persoa no medio rural.

Na súa intervención, Santiago Villanueva destacou o labor que desenvolven estes efectivos tanto para a localización da persoa desaparecida como no apoio emocional á familia durante todo o operativo. Nesta liña referiuse á importancia de realizar accións formativas que contribúan a dotar de coñecemento e habilidades a estes profesionais, co achegamento ao funcionamento dos distintos recursos, servizos e organizacións que poden actuar nun caso de desaparición. “Búscase así tamén facilitar a unificación de criterios e a coordinación”, apuntou.  

Esta primeira sesión céntrase durante a mañá nos contidos teóricos da man de especialistas nestes operativos e de entidades dedicadas á busca de persoas desaparecidas. Así, estanse a abordar o concepto de persoa desaparecida e as actuacións e recursos de distintas unidades e servizos, como a Unidade Técnica da Policía Xudicial, a Unidade Cinolóxica da Garda Civil, a unidade de drons da Xunta, os servizos de extinción de incendios e salvamento, as unidades caninas, as agrupacións de Protección Civil, o Centro Nacional de Desaparecidos ou a Asociación SOS Desaparecidos. Xa pola tarde haberá unha mesa redonda para a posta en común e o debate sobre estes temas.

Para a sesión de mañá está programada a realización de prácticas sobre a planificación e xestión dunha busca desde o posto de mando avanzado, exercicios con unidades caninas e con drons.

Data de actualización: 03/05/2023