A Xunta colabora con diferentes entidades sociais para impulsar a protección dos consumidores máis vulnerables

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou nunha xornada de traballo coas organizacións coas que se impulsarán máis de 50 talleres formativos sobre temáticas como os dereitos das persoas consumidoras e a subministración de enerxía

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, participaron hoxe nunha reunión de traballo con entidades representativas de colectivos vulnerables para identificar liñas de traballo dirixidas á protección destes colectivos no eido do consumo.

No mesmo acto asináronse convenios de colaboración para o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo e informativo con Cáritas Diocesana de Santiago, Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo; Once-Galicia, Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (Fegaus); o IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Provivienda.

A través da cooperación con estas organizacións está prevista a realización de máis de 50 talleres sobre diferentes temáticas que se poderán impartir de xeito telepresencial e/ou presencial entre os meses de maio e decembro, e que inclúen a formación de formadores dirixida a entidades e persoas colaboradoras, técnicos e persoal de atención para que poidan difundir as prácticas de consumo responsable entre os distintos colectivos usuarios e chegar ao maior número de persoas posible. En canto ás temáticas, abordaranse os dereitos básicos das persoas consumidoras, o endebedamento e as distintas problemáticas relacionadas cos servizos de subministración de luz e gas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2023