A Xunta incorpora desde mañá preto de 1.000 traballadores de seis meses ao operativo de prevención e extinción de incendios forestais

Esta incorporación faise efectiva todos os anos antes da chegada do verán, de acordo coas necesidades de programación e planificación

O reforzo con estes profesionais suporá un importante pulo para a execución, antes do comezo do período de alto risco, dos traballos recollidos no Plan preventivo aprobado pola Xunta

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023

A Xunta reincorpora desde mañá preto dun millar de traballadores que ocupan prazas de natureza descontinua de seis meses ao Servizo de prevención e extinción de incendios forestais, cumprindo así as previsións da Consellería do Medio Rural para reforzar este dispositivo antes da chegada do verán. Esta incorporación faise efectiva de acordo coas necesidades de programación e planificación. Estes empregados permanecerán en activo ata o vindeiro 2 de novembro.

O persoal que se incorpora agrúpase en dous colectivos. Por unha parte, os vinculados directamente coa prevención e extinción de incendios e que forman parte das brigadas (os bombeiros forestais das categorías de xefes de brigada, bombeiros condutores e bombeiros xuntos cos bombeiros condutores de motobomba). Por outra banda, o persoal con tarefas de apoio e loxística (persoal técnico, emisoristas, vixiantes e operadores codificadores).

Cómpre sinalar que a incorporación deste persoal descontinuo de seis meses suporá un importante pulo para a execución, antes do comezo do período de alto risco, dos traballos recollidos no Plan preventivo que vén de ser aprobado pola Xunta. Este plan suporá o investimento de case 38,8 millóns de euros, para actuar en cando menos unhas 60.000 hectáreas de terreo e nuns 5.600 km de pistas forestais e outras vías, ademais de en case 4.840 puntos de auga, entre creación de puntos novos e mantemento dos existentes.

Novidades do Pladiga

Sen deixar o capítulo de persoal, cabe engadir que no marco do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2023 créase unha unidade de directores de extinción que, en lumes con elevado potencial de converterse en gran incendio forestal, poderán ser mobilizados polo Centro de Coordinación Central de Incendios, coa intención de facilitar e favorecer o correcto desenvolvemento do dispositivo. Estará formada por persoal de diferentes categorías (técnicos, axentes, bombeiros forestais, emisoristas...), que terán dependencia funcional directa da Dirección Xeral de Defensa do Monte. As características do incendio e a súa potencialidade serán as que determinen a composición da unidade, non habendo límite de persoal e categoría a incorporar en función das necesidades e dispoñibilidade.

 

Para o correcto desenvolvemento do equipo, disporase ademais dos medios materiais necesarios. Neste senso, este ano créanse tamén tres novas brigadas públicas helitransportadas nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés (Muíños) e en Queimadelos (Mondariz), con medio cento de efectivos para cubrir todas as quendas e que estarán operativas durante todo o ano. Sumaranse ás xa existentes nas bases de Marroxo (Monforte), Campiño (Pontevedra) e Vilamaior (Verín).

 

Doutra banda, como maior reforzo dos medios materiais, prevese este ano a compra de 15 motobombas e doutros 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer. Ademais, ao longo deste exercicio poderanse adquirir outros tres vehículos motobombas e outros dous batracios, que -neste último caso- poden ser claves tamén na extinción, máis aló dos traballos preventivos que están capacitados para desenvolver.

Data de actualización: 02/05/2023