Diego Calvo destaca o potencial de Galicia para acoller competicións mundiais como a Karate Youth League

Participou na entrega de premios desta proba que reuniu desde o xoves 3300 karatekas e representantes de clubs de categorías inferiores de 72 países e saudou os cinco integrantes galegos da selección española que tamén compiten nesta liga

A Coruña, 30 de abril de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá na entrega de premios da segunda proba da Karate Youth League que se celebrou desde o xoves na Coruña e reuniu máis de 3300 persoas.

Trátase da primeira proba internacional de Karate de categorías inferiores que se disputa en España, polo que agradeceu o traballo da Real Federación Española de Karate e Disciplinas Asociadas e a colaboración da Federación Galega de Karate e D.A. para facelo posible.
 
Diego Calvo saudou a Simón Cancelo, Lucía Guerrero, Martina Soto, Alba Rocha e Eva Rodríguez Loredo, os cinco integrantes galegos da selección española que forman parte da trintena de representantes de Galicia. Ademais, España é o país con maior participación con máis de 600 deportistas.
 
Tamén felicitou os participantes vencedores nas categorías de xuvenil, cadete, júnior e sub-21 e os participantes clasificados para os Xogos Olímpicos da Xuventude de 2024 en Corea do Sur.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2023