O conselleiro do Medio Rural participou na entrega de premios, na última xornada do evento en Ribadavia
A Xunta pon de relevo o seu apoio ao sector vitivinícola na entrega de premios da cata popular da 60ª Edición da Feira do Viño do Ribeiro
José González resaltou iniciativas como os polígonos agroforestais no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que están servindo para darlle un pulo ao cultivo de viñedo en comarcas como a do Ribeiro
Tamén as medidas implementadas no marco da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas ou as axudas para a reestruturación do viñedo ou para investimentos produtivos en adegas
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na entrega de premios da cata popular da 60ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, celebrada no concello ourensán de Ribadavia. Alí, puxo de relevo o apoio da Xunta a este sector, con iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas.
O conselleiro do Medio Rural participou o pasado venres na inauguración da 60ª edición da Feira do Viño do Ribeiro e hoxe faino na súa última xornada, logo dunha fin de semana na que o evento estivo marcado por degustacións, obradoiros de cociña e catas comentadas con cociñeiros e sumilleres de prestixio.