O conselleiro do Medio Rural participou na inauguración da 60ª Feira do Viño do Ribeiro

A Xunta aposta pola calidade, polas variedades autóctonas e pola recuperación de zonas históricas de cultivo como claves para o futuro do viño galego

José González vinculou esta aposta coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas e coa Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Nesta liña, fíxo referencia aos polígonos agroforestais de Barzamedelle, en Leiro, e de Prado, en Castrelo de Miño, como ferramentas que permitirán recuperar unhas 200 hectáreas na comarca do Ribeiro

Tamén se destacou a antigüidade e a calidade acadada pola oferta enoturística da denominación de orixe Ribeiro
 

Ribadavia (Ourense), 28 de abril de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na inauguración da 60ª Feira do Viño do Ribeiro en Ribadavia onde puxo en valor tres aspectos fundamentais que distinguen esta denominación de orixe e que fixo extensivos a todo o sector vitivinícola galego, como claves para o seu futuro. Así, estas tres referencias serían a aposta polas variedades autóctonas, pola recuperación de zonas históricas de viñedo e, de xeito destacado, pola calidade.

En relación co primeiro fundamento -a aposta polas variedades autóctonas-, José González destacou a Treixadura como variedade que lidera esta aposta e que marcan a fórmula que nos permite, en definitiva, triunfar no mercado, no caso da DO Ribeiro.

Sobre a recuperación de zonas históricas de viñedo, o titular de Medio Rural vinculouna coa aposta que tamén sostén hoxe a Xunta a través dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste sentido, mencionou os polígonos agroforestais como instrumentos que permiten recuperar grandes superficies en comarcas como a do Ribeiro. Puxo de exemplo as arredor de 150 hectáreas implicadas no polígono de Barzamedelle, en Leiro, no que se están a realizar traballos de roza e posta a punto; así como a próxima declaración do polígono agroforestal de Prado, en Castrelo de Miño, de máis de 50 hectáreas.

Por último, José González fixo referencia á aposta pola calidade como elemento clave non só para a DO Ribeiro, senón para todos os viños galegos. Unha aposta que -dixo- ten que vir acompañada de valor engadido para converter o viño no elemento central para a dinamización do territorio das comarcas vitivinícolas. Ese valor, engadiu, debe chegar a todos os elos da cadea produtiva, non só ás adegas senón tamén aos viticultores, para garantir a remuda xeracional no sector. Precisamente este concepto vai na liña do que persegue a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia promovida pola Xunta en colaboración con todo o sector.

Deste xeito, o gran obxectivo da Estratexia é mellorar o posicionamento dos viños galegos, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce. No seu desenvolvemento xogará un papel fundamental a futura Lei da calidade alimentaria, así como a Lei de recuperación da terra agraria, para garantir a rendibilidade do sector do viño e a súa sustentabilidade, así como a remuda xeracional.

Feira do Viño do Ribeiro

A Feira do Viño do Ribeiro chega á súa edición número 60 recuperando o formato habitual que se viña desenvolvendo na alameda de Ribadavia. No evento, que se celebrará deica este domingo 30 de abril, contarán con caseta propia un total de 35 adegas desta denominación de orixe.

No marco da exaltación e degustación destacan os obradoiros de cociña e as catas comentadas con cociñeiros e sumilleres de recoñecido prestixio, o autobús turístico  RibeiroBUS, a cata popular, ou a zona gastronómica. Tamén haberá actuacións musicais e visitas guiadas ao Castelo e ao Museo do Viño de Galicia, entre outras actividades.

Cabe destacar que a DO Ribeiro se define por empregar variedades autóctonas tradicionais (Treixadura, Torrontés, Loureira, Caíño, Brancellao, Sousón) que dotan os viños dunha gran personalidade e dunha serie de combinacións de aromas afroitados e florais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2023