Fabiola García visita o proxecto Emocionarte que leva actividades artísticas aos nenos hospitalizados no Clínico Universitario de Santiago

O obxectivo desta iniciativa, impulsada pola Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva, é que os menores teñan unha estadía máis agradable no centro, axudalos a xestionar mellor as súas emocións e que poidan iniciarse en actividades como a costura, a música, a maxia, a pintura ou a literatura

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o proxecto ‘Emocionarte’. A través desta iniciativa, a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (Asgpoh) leva actividades artísticas aos nenos que se enfrontan a hospitalizacións prolongadas no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).

Fabiola García explicou que o obxectivo desta iniciativa é que os menores teñan unha estadía no hospital máis agradable, axudalos a xestionar mellor as súas emocións ante unha situación moi difícil e que poidan iniciarse en actividades como a costura, a música, a maxia, a pintura ou a literatura. Así mesmo, destacou o importante traballo que realiza a Escola do CHUS para facer máis amable a estadía dos nenos hospitalizados.

Logo de sete edicións, este proxecto conta por primeira vez co apoio da Xunta de Galicia. A proposta de ‘Emocionarte’ consiste nun obradoiro mensual de distintas disciplinas. Así, o programa comezou o pasado 31 de marzo cun obradoiro de música, e neste mes de abril ten lugar un de costura. Nos vindeiros meses haberá de escultura, arquitectura, danza, cine, maxia, literatura, teatro e pintura.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2023