O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias inaugurou este evento no marco da Festa da Lamprea, declarada Festa de Interese Turístico Internacional

A Xunta pon en valor na Arbomostra 2023 o traballo dos produtores e bodegueiros da comarca da Paradanta

José Balseiros enxalzou as características diferenciadoras dos viños desta zona, así como a súa achega á denominación de orixe Rías Baixas

No acto tamén destacou a importancia dos produtos con valor para dinamizar as comarcas rurais.

Arbo (Pontevedra), 28 de abril de 2023

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, inaugurou hoxe a Arbomostra 2023 no marco da LXIII Festa da Lamprea, na que puxo en valor o cultivo da vide e a produción e comercialización do viño e doutros produtos alimentarios na comarca da Paradanta.

 

Na súa intervención, José Balseiros tamén sinalou o bo facer dos viticultores e adegas da denominación de orixe Rías Baixas, indicando que a calidade e sona do viño desta zona está atribuída á climatoloxía, ao cultivo das mellores variedades e ás técnicas de vangarda empregadas para a súa elaboración. Deste xeito, engadiu, que a produción e a industria vitivinícola levan anos medrando tanto en Arbo como no resto de concellos incluídos na denominación de orixe Rías Baixas. Neste eido, José Balseiros destacou o labor que dende a Xunta se está a levar a cabo, en prol, do fomento dun sector para o cal se convocan cada ano subvencións para promoción do viño en terceiros países e para investimentos produtivos nas adegas.

Nesa liña, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias animou a seguir traballando na procura de produtos de calidade, porque selos como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficos protexidas -dixo- teñen cada día máis peso na rendibilidade das producións. Así mesmo, transmitiu a importancia de que ese valor engadido se traslade a toda a cadea de valor, para redundar no beneficio directo das comarcas rurais.

Cabe engadir que a Arbomostra 2023 permitirá acceder deica o vindeiro domingo aos viños da comarca da Paradanta, entre outros produtos de artesanía e alimentación. Enmárcase na edición 63 da Festa da Lamprea de Arbo, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, que -tamén ata o domingo 30- permitirá degustar este produto en distintas opcións gastronómicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2023