A Xunta participará na Feira Fenavin de Ciudad Real para promocionar os viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia

Trátase do maior evento nacional do sector do viño, que chega á súa edición número 12 e terá lugar do 9 ao 11 de maio

No espazo dispoñible da Consellería do Medio Rural, participarán 34 empresas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas e tamén haberá un túnel do viño con diferentes propostas
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2023

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, participará na Feira Nacional do Viño – Fenavin, en Ciudad Real, que chega á súa edición número 12. Farao promocionando os viños das cinco denominacións de orixe (DO) vitivinícolas galegas e as augardentes e licores tradicionais da comunidade con indicación xeográfica (IX).

O espazo dispoñible da Consellería, de 320 metros cadrados, acollerá un total de 34 empresas coexpositoras. En concreto, agruparanse oito empresas da denominación de orixe Ribeiro, tres da DO Valdeorras, 14 da denominación Rías Baixas, oito da DO Ribeira Sacra e unha da DO Monterrei, todas elas identificadas co seu selo correspondente xunto coa marca Galicia. Algún dos postos acollen a varias adegas ou grupos de adegas con viños, nalgúns casos, de varias denominacións.

Así mesmo, os visitantes da zona de Galicia terán acceso a un túnel do viño onde estarán presentes algúns dos produtos dos expositores, así como outros caldos e augardentes e licores tradicionais da comunidade. Cómpre engadir que os asistentes poderán coñecer os produtos premiados na última edición das Catas de Galicia.

A maiores, os consellos reguladores disporán dun espazo para a promoción dos seus selos e un reservado para levar a cabo posible accións promocionais e comerciais, moi orientadas cara á exportación. De feito, os expositores contarán cun programa de contactos con compradores profesionais que permitirá axilizar a súa axenda durante os días de feira.

Fenavin é a feira monográfica do viño máis importante de España. Trátase do único certame que ofrece unha capacidade de negocio contrastada con compradores procedentes de 102 países, 14.717 compradores nacionais e 4.308 compradores internacionais. Practicamente todas as denominacións de orixe de España fixeron negocio na que é a primeira feira do viño español.

Data de actualización: 30/04/2023