A Xunta adxudica por máis de 160.000 € as actuacións para avaliar o estado de conservación das aves e os seus hábitats en espazos protexidos de Galicia

Intervirase nas 16 Zonas de Especial Protección para as Aves existentes en Galicia, que abranguen un total de 101.134,9 hectáreas e albergan unha grande diversidade da avifauna

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2023 A Xunta adxudicou por máis de 160.000 euros as actuacións para avaliar o estado de conservación e deseñar un sistema de seguimento das aves e os seus hábitats na rede ZEPA (Zonas de Especial Protección para as Aves) de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020.
 
As accións, que contan cun prazo de execución de ano e medio, están enfocadas a recoller e proporcionar toda a información necesaria para establecer os obxectivos e as medidas axeitadas para preservar a biodiversidade e a avifauna que alberga este tipo de espazos protexidos.
 
Así, o ámbito territorial dos traballos a executar abrangue as 16 ZEPA existentes en Galicia, que ocupan un territorio de 101.134,9 hectáreas e se localizan na ría de Ortigueira e Ladrido; Costa da Morte (Norte); costa de Ferrolterra–Valdoviño; Complexo litoral de Corrubedo; Ribadeo; costa da Mariña occidental; ría de Foz; Ancares; Baixa Limia-Serra do Xurés; A Limia; Pena Trevinca; Serra da Enciña da Lastra; Illas Cíes; Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; Illa de Ons e Esteiro do Miño.
 
Cómpre lembrar que, no que atinxe ás ZEPA, o plan director da Rede Natura 2000 de Galicia recolle entre os seus obxectivos a mellora do inventario das especies de aves e do sistema de videovixilancia destas poboacións, así como a identificación das principais ameazas ás que poden estar sometidas e o establecemento dun protocolo de seguimento que axude a garantir a súa conservación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2023