A Xunta adxudica por 97.000 € un contrato para ampliar as dotacións da planta de transferencia de Boiro

Os traballos consistirán na construción de dous novos aparcamentos para contedores, un cuberto e outro descuberto, así como a modificación da rede de saneamento

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), acaba de adxudicar, por un importe de 96.860,20 euros, a obra de construción de dous novos aparcamentos de contedores e a modificación da rede de saneamento na planta de transferencia de residuos urbanos de Boiro (A Coruña).

Os traballos a realizar contemplan a demolición do aparcamento existente e a execución dun novo aparcamento de contedores, con dúas prazas e cuberto, e outro descuberto para seis. As prazas están concibidas para albergar contedores cunha capacidade de 43 metros cúbicos.

Así mesmo, o contrato inclúe a execución dunha rede de captación de augas residuais de ambos aparcamentos co fin de conducilas ata a arqueta de desbaste da EDAR para o seu tratamento, así como a rede de drenaxe de augas pluviais procedentes dos aparcamentos, da explanada de manobras de contedores e da zona de circulación.

Os prazos de execución estipulados no contrato son dun máximo de 18 semanas a partir da firma da acta de inicio de obras, e dun mínimo de 9 semanas. En todo caso, as actuacións a desenvolver non se prevé que deteñan nin interfirtan negativamente nas actividades e procesos que teñen lugar nesta instalación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2023