Xa se poden solicitar as axudas da Xunta para equipamentos de deporte adaptado que contará cun orzamento de 227.000 euros

Esta orde chega nun dos momentos máis doces do deporte adaptado galego que vén de realizar unha brillante actuación nos Xogos Paralímpicos de Toquío e está orientada a posibilitar a liberdade e igualdade reais e efectivas para toda a sociedade

Santiago, 28 de abril de 2023

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Orde do 13 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos para deporte adaptado para clubs deportivos galegos que conten con licenzas de deportistas con discapacidade.

Estas subvencións inclúense no Plan de Promoción da Igualdade no Deporte no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia- Financiado pola Unión Europea – NexGenerationEU e contarán cun crédito orzamentario de preto de 227.000 euros (226.754 euros). Os beneficiarios serán os clubs deportivos galegos que na tempada 2022/2023 ou 2023 conten con licenzas de deportistas con discapacidade. A Xunta de Galicia cubrirá o 80% do gasto subvencionable e o importe máximo da axuda será de 5.000 euros.

A practica deportiva, a nivel competitivo, caracterízase pola necesidade de contar cunha serie de equipamentos deportivos que faciliten e melloren as condicións nas que os deportistas desenvolven a súa modalidade ou especialidade. Neste sentido, faise preciso arbitrar un sistema de axudas públicas dedicadas á adquisición de equipamentos, a fin de contribuír na modernización e actualización do material deportivo necesario para o adecuado exercicio da práctica deportiva do que dispoñen as citadas entidades. Particularmente a atención ao colectivo de poboación con algún tipo de discapacidade convértese nun reto ineludible para os poderes públicos, a fin de posibilitar que a súa liberdade e igualdade sexan reais e efectivas, removendo os obstáculos que impiden ou dificultan a súa plenitude e facilitando a participación de todas e todos, entre outras, na práctica deportiva.

Esta orde de subvencións chega nun dos momentos máis doces do deporte adaptado galego que vén de realizar unha brillante actuación nos Xogos Paralímpicos de Toquío. A delegación galega formou o 15% da selección española paralímpica e regresou de Xapón co 87,5% dos deportistas clasificados entre os oito mellores do mundo.

A Xunta de Galicia conta ademais, todos os anos, cunha orde de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos pola que as entidades xa podían obter equipamento deportivo adaptado. A novidade é que a orde de equipamentos aprobada polo Consello é a primeira que se publica especificamente para deporte adaptado.

O prazo de solicitude das subvencións remata é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, polo que rematará o vindeiro 26 de maio. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2023