A delegada territorial deu a benvida esta mañá no CIS Tecnoloxía e Deseño aos alumnos do CPR Jesús Maestro e CIFP Rodolfo Ucha que participaron na iniciativa

Martina Aneiros destaca a importancia das novas tecnoloxías e o deseño na vida cotiá durante a apertura do espectáculo ‘Explorando o futuro’

A iniciativa, enmárcase no programa D’Tec da Xunta de Galicia, orientado ao fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos

Ferrol, 28 de abril de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, foi a encargada de dar hoxe a benvida aos 80 estudantes do CPR Plurilingüe Jesús Maestro e do CIFP Rodolfo Ucha que participaron no espectáculo Explorando o futuro, incluído no programa D`Tec da Axencia Galega de Innovación (GAIN) de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos.

Aneiros destacou a idoneidade do CIS Tecnoloxía e Deseño como escenario para o desenvolvemento do programa e recalcou “a importancia das novas tecnoloxías e o deseño na vida cotiá e o que implicarán estes campos no futuro más próximo”.

A iniciativa D`Tec lévase a cabo desde 2019 e que inclúe diferentes tipos de actividades como talleres, campamentos ou obradoiros para as aulas.

Nesta ocasión, o divulgador científico, David Ballesteros, foi o mestre de cerimonias da xornada que incluíu un reto grupal e unha charla-show científica posterior centrada nas tecnoloxías desruptivas e a innovación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2023