Fernández-Tapias destaca o incremento de peregrinos en Vigo na súa ruta xacobea polo Camiño da Costa

Vigo, 27 de abril de 2023 A delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, participou este xoves no quinto encontro do ciclo Xacobeo Peregrinas, que se celebrou no Museo do Mar de Galicia coa participación de Gabriela González, directora de Comunicación e Responsabilidade Social Corporativa de Vegalsa-Eroski; Teresa Portela, subcampioa olímpica, e Guadi Galego, cantante e compositora.

A representante autonómica destacou o importante incremento de peregrinos en Vigo grazas á ruta xacobea e a apertura do novo albergue Juan Manuel López Chaves no barrio do Berbés. Fernández-Tapias relatou as accións máis recentes da Xunta no Camiño da Costa, un dos roteiros de peregrinación con maior afluencia. 

Así, explicou que o Camiño Portugués da Costa recibiu en 2022 un total de 30.630 peregrinos, o que supuxo o 6,99 % do total das rutas xacobeas, e recuperou o terceiro posto como ruta máis demandada tralo Camiño Francés e o Camiño Portugués. Ademais, subiu máis de dos puntos respecto do ano 2021 (4,44 %) e superou de novo aos camiños Inglés, Norte e Primitivo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2023