O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, inaugurou esta mañá a xornada: ‘A iluminación exterior. Criterios de deseño’, na que participaron 85 asistentes

A Xunta aposta por unha iluminación sustentable para garantir a seguridade nas estradas autonómicas e nas infraestruturas do transporte público

Trátase de acadar a maior sustentabilidade e eficiencia enerxética nas obras da Xunta, cos materiais máis sostibles, menor contaminación lumínica e maior durabilidade
 

A Xunta incide na mellora da seguridade viaria con actuacións de renovación de iluminación en tramos urbanos das estradas autonómicas ou coa disposición de luminarias nas novas sendas peonís
 

Préstase atención específica á iluminación dos pasos de peóns, travesías e espazos urbanos, empregándose, ademais para a posta en valor de pontes e de edificios
 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

A Xunta aposta por unha iluminación sustesntable para garantir a seguridade nas estradas autonómicas e nas infraestruturas do transporte público.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, inaugurou esta mañá a xornada, ‘A iluminación exterior. Criterios de deseño’, na que os 85 participantes asistentes: técnicos da Xunta -tanto de obra civil como de edificación-, con disciplinas como a enxeñería e a arquitectura, consultoras e profesionais redactores de proxectos, abordaron os aspectos máis relevantes do alumeado exterior e a importancia para a seguridade viaria.
 
O departamento de Infraestruturas da Xunta está a despregar na actualidade un amplo abanico de actuacións nas que a iluminación xoga un papel moi importante, comezando pola iluminación viaria, con actuacións de renovación de iluminación en tramos urbanos de estrada nos que se está a actuar para mellorar a seguridade viaria ou nas que se dispoñen novas sendas peonís.
 
Tamén nas actuación e proxectos que executa a Xunta aténdese de xeito específico á iluminación de pasos de peóns, das paradas de autobús, de espazos urbanos asociados a estradas: os Camiños de Santiago, humanizacións de travesías ou en acondicionamentos de vías como a avenida da Deputación de Sabón.
 
Na xornada púxose de relevo que as obras públicas autonómicas prestan especial atención á iluminación de espazos urbanos, tanto asociados a edificios como hospitais e centros de saúde, ademais de actuacións de posta en valor de pontes e de edificios.

Deste xeito, a xornada organizada pola Axencia Galega de Infraestruturas centrouse na mellora da visión sobre o proceso de deseño, execución e control da calidade da iluminación nas actuacións da Xunta.

O departamento de Infraestruturs quere seguir avanzando no obxectivo de acadar nas obras que executa a maior sustentabilidade e eficiencia enerxética, cos materiais máis sostibles, coa menor contaminación lumínica e coa maior durabilidade.

A Xunta está a apostar por unha iluminación que contribúa a unha maior seguridade viaria, a unha mellor accesibilidade e seguridade das persoas que utilizan o transporte público, transitan polas vías de comunicación e están no espazo público.
 
Tamén a Xunta traballa na consecución dunha iluminación saudable, que sexa a xusta e que ademais teña en conta a intensidade e ata temperatura de cor para que non afecte á saúde das persoas.
 
A xornada organizada pola Axencia Galega de Infraestruturas desenvolveuse ao longo da mañá de hoxe e permitiu afondar na mellora da visión sobre o proceso de deseño, execución e control de calidade da iluminación nas actuacións da Xunta.
 
Para iso, contouse con relatores que abordaron os diferentes aspectos da iluminación, entre eles, o representante do Comité Español de Iluminación en Galicia, e cofundador e presidente da asociación Slowlight, José Enrique Alcázar.
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2023