O presidente da Xunta interveu na inauguración da mostra ‘Vigo no camiño da ourivaría’ na sede viguesa de Afundación

Rueda destaca a futura Lei de artesanía de Galicia para dignificar o labor dos artesáns e poñer en valor as súas creacións

Salienta que a mostra organizada pola Asociación de Artesáns e Comerciantes de Ourives de Galicia, formada por unhas 75 pezas, reúne “un tesouro que é patrimonio de toda a cidadanía galega”

Vigo, 26 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca a futura Lei de artesanía de Galicia para dignificar o labor dos artesáns e poñer en valor as súas creacións. Na súa intervención na inauguración da mostra Vigo no camiño da ourivaría, na sede viguesa de Afundación, o titular do Goberno galego asegurou que a exposición, formada por unhas 75 pezas, reúne “un tesouro que é patrimonio de toda a cidadanía galega”. 

A mostra, organizada pola Asociación de Artesáns e Comerciantes de Ourives de Compostela, conta con importantes pezas de pratería e acibecharía de artesáns de Santiago e da súa comarca, ás que se engadiron outras singulares de Vigo e da súa área de influencia.  

A exposición demostra a relación histórica que houbo entre os artesáns do norte e do sur, así como a estreita vinculación entre este actividade ancestral e o Camiño de Santiago. En relación a ese vínculo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu de mans de Arturo Ouro, presidente da entidade Ourives de Compostela, a Cuncha da Cultura. 

Entre esas obras de arte destaca unha reprodución do botafumeiro de Compostela, a maza da Universidade de Santiago ou o Santo Eloi, patrón do gremio, pero tamén a esclavina de San Roque, patrón de Vigo; o frontal de Silos ou a lámpada votiva de Panxón que deseñou o arquitecto Antonio Palacios. 

Alfonso Rueda salientou que se trata dunha actividade artesán que combina tradición e innovación, polo que inclúe pezas históricas xunto con outras que destacan polas súas técnicas e deseños vangardistas pero que son resultado dun coñecemento que foi pasando de xeración en xeración para ofrecer un “tesouro” que non só ten valor desde o punto de vista patrimonial, senón que é tamén un atractivo turístico pola orixinalidade e singularidade da oferta. “Coidémolo, porque son pezas de sempre e para sempre”, indicou o mandatario galego. 

O presidente da Xunta incluíu a ourivaría no conxunto de actividades que se beneficiarán da nova Lei de artesanía de Galicia, que actualizará a que estaba vixente dende hai máis de 30 anos co obxectivo de ofrecer ferramentas aos artesáns para ser máis competitivos, profesionalizar a actividade coa creación da figura do mestre artesán, delimitar zonas de especial interese artesán, conservar e recuperar as distintas manifestacións tradicionais e integrar os novos talentos asegurando a remuda xeracional.   

Na actualidade hai máis de 830 obradoiros que forman parte da marca Artesanía de Galicia, e o obxectivo é superar os 1.200 en sete anos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2023