A Xunta pon de relevo o labor de Conservas A Rosaleira á hora de aportar valor engadido á produción galega de calidade

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou as instalacións da empresa, que traballa con produto das IXP Grelos de Galicia e Pataca de Galicia
 

Esta conserveira facilita semente aos produtores cos que traballa e, ademais, ten un proxecto innovador vinculado á rotación de diferentes cultivos e do grelo
 

O Rosal (Pontevedra), 26 de abril de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe as instalacións da empresa Conservas A Rosaleira, dedicada a conservas vexetais. Alí, o director puxo en valor a calidade da produción da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Grelos de Galicia, da que A Rosaleira é operadora comercializadora, aportando -dixo- valor engadido a este selo.

Así mesmo, ademais dos grelos, a empresa elabora conservas vexetais de diferentes tipos, dende cebola en aceite, verzas ao natural ou xudías, ata mirabeles, cogomelos ou patacas baixo a IXP Pataca de Galicia, entre outros. Nesa liña, Cabarcos destacou que esta conserveira traballa directamente cos produtores facilitándolles a semente dos alimentos que emprega, ademais de impulsar un proxecto innovador vinculado á rotación de diferentes cultivos e do grelo. Ademais, de cara ao desenvolvemento do seu labor, a empresa recibiu o apoio da Xunta por medio da liña de axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios.
 
Cómpre destacar que a IXP Grelos de Galicia contaba en 2021 con máis de 600 hectáreas de cultivo inscritas nas que se produciron case 365.000 quilogramos de produto, que se traduciron nun valor económico de máis de 720.000 euros. Na IXP Pataca de Galicia, pola súa banda, roldáronse as 3.400 ha inscritas, nas que se produciron máis de 29 millóns de quilogramos por un valor de máis de 3 millóns de euros no 2021.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2023