Licitadas por máis de 92.000€ as obras de mellora da accesibilidade no colexio de Pazos, en Ferrol

A plataforma de contratación da Xunta publica o inicio do proceso desta obra, que ten un prazo de execución de tres meses

Prevese a instalación dun ascensor e dunha rampla
 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023

A Xunta investirá 92.877,69 € na mellora da accesibilidade do colexio CEIP de Pazos (Ferrol), cuxa licitación acaba de publicar no portal Contratos de Galicia.

O corpo principal do colexio consta de planta baixa e alta con niveis superior e inferior en cada unha delas, que se comunican por escaleiras interiores. Para mellorar as condicións de accesibilidade a todos os andares, instalarase un ascensor accesible que comunique verticalmente os distintos niveis. O obxectivo é conformar un percorrido accesible desde o acceso principal exterior ata calquera punto do interior da edificación.

Tamén se está previsto construír unha rampla desde o vestíbulo de acceso principal ata ao salón de actos e comedor da planta baixa, salvando así as dificultades que supón na actualidade unha escaleira de tres banzos. O prazo de execución previsto da actuación é de tres meses.

A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, a folla de ruta do Goberno galego para o deseño de centros educativos máis innovadores, sostibles e confortables.

Data de actualización: 26/04/2023