A Xunta participa na presentación da iniciativa Escape room Camiño de Santiago que ten lugar no albergue de Samos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou o albergue de peregrinos de Lusío, en Samos, onde terán lugar ata finais de xuño arredor de 24 edicións deste proxecto

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe o albergue Casa Forte de Lusío, de Samos para presentar a iniciativa “Escape Room Camiño de Santiago”, que busca difundir os valores xacobeos arredor do Camiño de Santiago, mediante un xogo de escapismo con diferentes probas coas que se debe completar unha misión baseada nos coñecementos sobre a Ruta xacobea e o Ano Santo.

Na súa visita a Samos, Nava Castro destacou o éxito desta iniciativa, na que neste ano participan máis de 1.000 nenos e nenas, como unha “mostra da difusión cultural, deportiva, espiritual, de investigación ou incluso lúdica que se xera arredor do Camiño de Santiago”.

A directora de Turismo de Galicia tamén indicou que esta actividade pretende fomentar o traballo en equipo e o desenvolvemento de coñecementos no que se refire á Ruta xacobea para todas as idades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2023